O BNG presenta unha batería de preguntas respecto ao solar do antigo camiño da Cubela
A Coruña, 15 de xaneiro de 2016.- O grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas respecto a un solar do camiño da Cubela hoxe en día sen urbanizar.
O Grupo Municipal do BNG traslada as demandas da veciñanza da zona que propón un parque urbano e o peche definitivo da mazá
As nacionalistas lembran que no anterior mandato, a veciñanza da zona da rúa San Diego, na zona da Cubela, trasladoulle ao Goberno municipal do Partido Popular, unha proposta de adecuación e urbanización da contorna dun solar do antigo camiño da Cubela que hoxe en día están sen urbanizar. Este solar podería acoller, segundo a proposta, a construción dun lugar de lecer onde se poderían colocar aparatos de ximnasia biosaudábeis e outro tipo de actividades, a maiores de recuperar parte dese vello camiño da Cubela, integrando todo no seu conxunto e, por fin, pechando a mazá urbana da rúa de San Diego.
Deste xeito, o BNG pregúntalle ao Goberno municipal se é coñecedor desa proposta transmitida pola veciñanza, e, sen prexuízo do anterior, se ten algunha proposta para os solares da rúa de San Diego 12 e Camiño da Cubela 17,19 e, de tela, que proposta sería e se esa proposta xa lle foi transmitida á veciñanza e colectivos asociativos da contorna.
Finalmente, tamén o BNG interésase por saber se o Goberno municipal vai incluír as demandas e reivindicación da veciñanza e colectivos da zona, a creación dun parque urbano, nese proxecto e, de ser así, se existen prazos de execución do mesmo.