O BNG pregunta polo custo do partido da selección española de baloncesto
A Coruña, 16 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou unha batería de iniciativas para coñecer canto lles vai custar ás coruñesas o partido amigábel da selección española de baloncesto, que xogará mañá, sábado, un encontro co combinado de Alemaña no Coliseum. A nacionalista pregúntalle ao Goberno municipal canto vai pagar o Concello da Coruña por ver este partido amistábel, a canto ascende o montante total do partido, canto pon a Concellaría de Deportes, cantos cartos destina o IMCE, cal é o cánon que hai que pagarlle á Federación Española de Baloncesto, quen recadará a taquilla, canto custa o acondicionamento do Coliseum para o converter nunha cancha de baloncesto, canto vai gastar o Concello en hoteis e canto vai dedicar a gastos diversos.
Avia Veira calcula que o partido que enfrontará España e Alemaña este sábado na Coruña ascende a, como mínimo, 300.000 euros, a maiores dos cartos que lle custará ao Concello acondicionar do Coliseum. E é que se vén de coñecer que o encontro amigábel xogado pola selección española de baloncesto o pasado martes en Castellón custou 300.000 euros, cartos que pagará a Generalitat.
Críticas á política do populismo e do show do Sr. Negreira, que encarece a auga, o bus e que cobra por un servizo de reciclaxe que non existe
Á espera de coñecer a cantidade exacta que custará o partido de baloncesto, Avia Veira cuestiona que en época de crise, en que o Sr. Negreira fixo súa a bandeira da austeridade selectiva (dispendia cartos no que quere mentres recorta en servizos para a cidadanía), o Concello da Coruña gaste cartos públicos neste encontro do combinado español. Cando os tesoirazos do PP acadan sectores como a educación, a sanidade ou a investigación, non podemos compartir o gasto nun partido de baloncesto, sinala.
Neste contexto, critica que o Sr. Negreira se siga dando á política do populismo e do show e se preste a darlle cartos públicos a unha entidade privada como a Federación Española de Baloncesto cando accións como esta non axudan a mellorar a crise. Reproba tamén que o Partido Popular se afane en cobrarlle á cidadanía a taxa da reciclaxe por un servizo que non existe e que encarecera o recibo da auga e mais o bus á vez que solta de chequeira para ver a selección española de baloncesto. Avia Veira, que denuncia as prioridades máis que cuestionábeis do Goberno municipal, advirte de que este tipo de partidos veñen coa maior parte da publicidade comprometida.
O Goberno municipal ocultou intencionadamente o prezo do partido do pasado ano
A concelleira do BNG advirte de que o pasado ano, o Goberno do Sr. Negreira ocultoulle á cidadanía o custo total do partido, que ascendería a medio millón de euros, dos que, como mínimo, en base a unha factura á que tivo acceso o BNG, o Concello achegaría 150.500 euros, dos que 88.500 euros irían destinados a pagarlle o canon á Federación Española de Baloncesto, 50.000 euros destinaríanse a gastos en hoteis e restaurantes e 12.000 euros a gastos diversos.