O BNG e Galiza Nova organizan a performance "Queremos emprego, traballo xa temos!"

O BNG e Galiza Nova organizan a performance "Queremos emprego, traballo xa temos!"

performanceA Coruña, 13 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña e Galiza Nova da Coruña presentaron na mañá de hoxe a performance que organizarán este sábado, ás 12h, no Obelisco, baixo o lema “Queremos emprego, traballo xa temos!”, como un xeito de denunciar o traballo invisíbel das mulleres no fogar, aquelas tarefas non remuneradas que, segundo o sistema patriarcal, corresponde ás mulleres. A responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, apelou o escritor Agustín Fdez. Paz para reivindicar que as nacionalistas queren “rachar coa invisibilidade dos seres transparentes”.

En rolda de prensa, Vitoria Louro puxo de manifesto que as nacionalistas queren “visibilizar e tamén denunciar que os recortes que os gobernos do PP, tanto no Estado Español como na Galiza, están a tomar incrementan as desigualdades entre homes e mulleres, o desemprego feminino, cada vez maior na nosa cidade, a feminización da pobreza, a precarización laboral das mulleres, e tamén de xeito parello, o seu traballo invisíbel na esfera doméstica”. “Detrás de todas as medidas do PP agóchase o afán por recuperar unha sociedade onde as mulleres queden na casa”, sinalou. Puxo como exemplos a lei da familia, a inminente derrogación da lei do aborto ou os múltiples tesoirazos.

Cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, somos normalmente as mulleres quen asumimos ou compensamos este déficit

CARTAZ FEMINISTAA responsábel de Acción Feminista sinalou que “as mulleres somos as máis afectadas polos recortes do estado de benestar e, polo tanto, dos servizos públicos, porque nos benefician en maior medida”. “Non non podemos esquecer que, cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, somos normalmente as mulleres as que asumimos ou compensamos este déficit, incrementando así a nosa carga de traballo para garantir o benestar do ámbito familiar”, salientou.

Pola súa banda, a responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez, animou a todas as persoas a participaren na performa convocada polas nacionalistas, un acto en que tamén denunciarán o desemprego, a precariedade e a emigración que sofren, maiormente, as mozas galegas. “Non queremos que nos fagan depender dun home, queremos ter un emprego digno e para iso estudamos”, sinalou. Alba Sánchez tamén reivindicou rachar co modelo patriarcal reforzado polo Partido Popular, co “cásate y se sumisa”, ironizou.

A igualdade non forma parte do proxecto ideolóxico do PP, e na Coruña temos un exemplo recente: o sexismo de Coruña Wapa

Vitoria Louro tamén se referiu, na rolda de prensa, á polémica xurdida tras o uso de lemas sexistas en “Coruña Wapa”, campaña impulsada polo PP desde o Concello da Coruña. “Trátase dunha mostra máis de que a igualdade non forma parte do proxecto ideolóxico do PP”, subliñou. A responsábel de Acción Feminista criticou a resposta da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza á deputada do BNG Carme Adán, á que lle chegou a reprochar que denunciara no Parlamento o sexismo dos lemas desta campaña pois, ao seu entender, “hai cuestións máis importantes”.

A nacionalista cualificou de intolerábel que o Goberno municipal do PP reproducira estereotipos e roles tradicionais da muller nesta campaña e que a secretaria Xeral de Igualdade cualificara estes lemas como “unha cuestión de gustos”. “O PP malgastou 180.000 euros públicos campaña que incidiu no estereotipo de considerar as mulleres como un obxecto, unha das orixes da violencia machista, cando son precisamente estes modelos os que hai que erradicar”, concluíu.

O BNG e Galiza Nova organizan a performance "Queremos emprego, traballo xa temos!"