O BNG esixe a retirada da taxa da decomiso, un novo imposto do PP á pobreza
A Coruña, 13 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG puxo de manifesto esta mañá, nunha rolda de prensa en que participou a concelleira nacionalista Avia Veira xunto co grupo de Esquerda Unida-Os Verdes e os colectivos que agrupan as persoas inmigrantes da cidade, que se compromete a derrogar a taxa por decomiso imposta polo Goberno do Sr. Negreira para institucionalizar o acoso aos inmigrantes cuxo único medio de vida é a venda na rúa.
Avia Veira amosouse moi crítica coa intención do Partido Popular de impulsar esta nova taxa por decomiso, pola cal se se quixer recuperar a mercadoría decomisada, en moitas ocasións panos de papel ou caramelos, o seu propietario ten que pagar unha taxa: 30 euros no caso de mercadoría valorada en menos de 100 euros e 100 euros no caso de que esta supere o valor dos cen. No caso de que a mercadoría estiver decomisada máis de 8 días, a persoa propietaria da mercancía tería que pagar 2 euros máis por día.
Unha medida racista: o imposto contra a pobreza
Esta taxa, advertiu Avia Veira, vai agravar aínda moito máis a pobreza e a exclusión social daqueles sectores e colectivos máis vulnerábeis e que se encontran en situacións apremiantes, de modo que tales tarifas supoñen realmente unha condena sobre tales sectores e colectivos. Para o BNG trátase dunha medida claramente ideolóxica e que supón un imposto á pobreza. A edila nacionalista lembrou que, na Comisión de Facenda en que o PP presentou as ordenanzas fiscais antes de seren levadas a Pleno, o representante do Goberno do Sr. Negreira sinalou que a taxa por decomiso non ten como fin a recadación. Que é senón racismo?, advertiu Avia Veira.
Para frear esta inxustiza, o Grupo Municipal do BNG chama a cidadanía a solidarizarse con estes colectivos de inmigrantes e a cubrir e presentar no Rexistro do Concello da Coruña alegacións contra esta taxa cuxo MODELO DE RECLAMACIÓN PODES DESCARGAR NESTA LIGAZÓN