O BNG empraza o Goberno a amañar os accesos a praia de Oza e a eliminar barreiras nos Castros

O BNG empraza o Goberno a amañar os accesos a praia de Oza e a eliminar barreiras nos Castros

A Coruña, 2 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de iniciativas para amañar os accesos á praia de Oza e para a eliminación de barreiras arquitectónicas no barrio dos Castros. Estas iniciativas estaban recollidas entre as máis de 100 propostas urxentes que a nacionalista lle entregou ao Goberno municipal o pasado mes para mellorar o barrio, dada a deixadez do Goberno do Sr. Negreira nos Castros.

Nunha pregunta para a resposta escrita, a concelleira nacionalista María Xosé Bravo denuncia o estado de deterioramento en que se atopan os camiños á praia de Oza, cheos de fochas e sen mantemento de ningún tipo. A edila do BNG advirte de que a piques de comezar a tempada estival e que os accesos á praia están abandonados, sen que ningunha administración se preocupe. Por iso, lle pregunta ao Goberno municipal se prevé pórse en contacto coa Administración competente para amañar o camiño que leva á praia e pregúntalle, a instancias da Asociación de Veciños e Veciñas Oza-A Gaiteira-Os Castros polos motivos que levaron a semellante estado de abandono.

Eliminación de barreiras arquitectónicas

Ademais, a concelleira nacionalista pon de manifesto noutra pregunta as numerosas barreiras arquitectónicas que impiden a accesibilidade no barrio. De feito, esta asociación veciñal presentou no rexistro do Concello máis de 650 sinaturas para mellorar a accesibilidade do barrio, sen que o Goberno municipal fixer ningún trámite para suprimir as barreiras.

María Xosé Bravo pon como exemplos de rúas con barreiras a do Pintor Villar Chao, nos números 10, 12 e 13 onde hai veciños e veciñas con problemas para poder acceder a súa vivenda ao ter que salvar escaleiras; a de Laureano Mediante, con escaleiras que dan á rúa da Merce; as galerías comerciais que van desde a avenida de Oza á rúa da Merce ou a avenida dos Caídos, cunha pendente tan elevada que provoca que as persoas con mobilidade reducida teñan problemas para acceder a servizos públicos como o Centro de Saúde, a escola infantil ou a Correos.

Neste contexto, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se vai instalar elementos que permitan salvar estas barreiras no barrio dos Castros con solucións que se están a habilitar noutros barrios da cidade e por que motivo aínda non se deron pasos para mellorar a accesibilidade nos Castros, cando noutros barrios da cidade xa se acometeron actuacións.

Varanda nas escaleiras do Miradoiros dos Castros

Tamén se interesa María Xosé Bravo pola baixada á zona de xogos do Miradoiro dos Castros, sen ningunha varanda na que as persoas con mobilidade reducida poidan agarrarse. De aí que lle pregunte ao Goberno municipal se prevé darlle resposta ás demandas veciñais e colocar, así, unha varanda nas escaleiras do Miradoiro dos Castros.

 

 

O BNG empraza o Goberno a amañar os accesos a praia de Oza e a eliminar barreiras nos Castros