O BNG denuncia o tesoirazo do Sr. Negreira en Educación
A Coruña, 24 de xuño de 2014.- De ineficaz. Así cualifica a concelleira nacionalista María Xosé Bravo o papel da Concellaría de Educación do Goberno do Sr. Negreira, unha Concellaría que ve recortados os seus orzamentos cada ano á vez que ve aumentar os orzamentos destinados a festas. Mentres os orzamentos do Concello soben e mentres gasta en festas e turismo unhas cantidades obscenas, o PP mételle a tesoira aos orzamentos de Educación, malia ser a mellora ferramenta de igualación social e malia ser a única que pode converternos de verdade nunha smart city, salienta Bravo. Os datos aos que tivo acceso o BNG revelan que dos 7,45 millóns de orzamento de Educación no 2009, o PP pasou a 5,94 millóns no 2013.
Ademais, a concelleira do BNG chama a atención sobre o recorte en programas educativos, uns programas en que, de xeito histórico, este Concello investía algo máis de 1 millón de euros para actividades educativas nos CEIP co fin de axudar as familias a pagar o custo das actividades extraescolares. Lembra a nacionalista que por vez primeira o PP reduciu ese orzamento moi por debaixo do millón de euros, até os 869.271 euros. Este recorte no orzamento destinado a programas educativos ten consecuencias no número de usuarios e usuarias. Podemos apreciar un punto de inflexión coa chegada do PP a María Pita, sinala a concelleira do Bloque, quen denuncia que o número de persoas usuarias caeu a 34.634 no ano 2013.
Tamén fai fincapé Bravo no tesoirazo sufrido pola partida de obras en centros públicos de educación infantil e de educación primaria, unha partida que tradicionalmente se mantiña en cantidades moi superiores ao millón de euros e que o Partido Popular reduciu drasticamente no 2012, tal e como xa denunciara o BNG. No 2013, a cantidade segue a ser claramente insuficiente, salienta a concelleira nacionalista, quen lembra que segue a haber varios centros de ensino na Coruña que nin sequera teñen patio cuberto e outros centros que levan anos esperando por obras prometidas.
En canto á porcentaxe de execución do orzamento inicial para obras e en programas educativos, María Xosé Bravo amósase irónica, esa porcentaxe resulta difícil de avaliar. E é que ben por erro, ben por falta de datos, a Concellaría de Educación sinala que a porcentaxe de execución en obras e en programas educativos foi do 0% no 2013.
O PP mantén o dubidoso privilexio de manter igual as prazas de educación infantil
Por último, María Xosé Bravo advirte que onde non variou nada o Partido Popular é nas prazas de educación infantil, xa que o PP ten o dubidoso privilexio de manter o mesmo número de prazas desde 2009, a pesar de que a demanda aumentou. Así, o PP oferta a mesma cantidade de prazas no 2013 que no 2009, un total de 640.