O BNG denuncia a circulación de coches nos viarios peonís da contorna da Torre
A Coruña, 10 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a circulación de coches nos viarios peonís da contorna da Torre de Hércules tamén se fai pola noite. E é que se ten constatado por parte da veciñanza do barrio de Monte Alto, sinalan as nacionalistas, que ao longo do Nadal, e en días con ausencia de eventos deportivos nas instalacións deportivas, os vehículos circulan libremente por esta zona da Torre durante as tardes noites, sen que haxa ningún tipo de protección para as persoas que por alí pasean e ningún tipo de balizamento ou de presenza da policía local.
Esta situación súmase ao denunciado en reitaradas ocasións pola veciñanza e polo BNG do incremento do tránsito e aparcadoiro nos viarios peonís da contorna da Torre de Hércules, nomeadamente, na pista que une a rotonda de Hércules ás Durmideiras. Isto motivou que no pasado mes de novembro as nacionalistas formularan unha serie de preguntas para a súa resposta escrita sobre que dispositivos ten planificados o Concello para o control dos vehículos que acceden a esa pista, como garante o Concello a seguridade das persoas que pasean ou corren pola pista, se ten pensado o Goberno algunha acción encamiñada a eliminar a entrada de vehículos neste viario e, de ser a resposta afirmativa, para cando se procederá á prohibición da entrada e aparcadoiro nesta zona. O Goberno local contestou tan só que previo al estudio de señalización definitiva de la zona, se está procediendo por parte de la policía local a abordar la problemática con las medidas correctoras de señalización portátil los fines de semana prohibiendo el estacionamiento en la sartén de acceso a la Torre. A mayores se colocan conos de balizamiento para evitar el estacionamiento en el carril bici, sirviendo estos de separadores entre dicho carril y el de circulación general.
As nacionalistas sinalan que non caben excusas para circular por estas zonas peonís, situacións estas que se dan acotío, incluso á noite ou cando non hai actividade deportiva, argumento este último que con frecuencia se emprega para permitir o aparcadoiro dos coches nestes viarios co motivo de poder acceder aos campos e instalacións deportivas da Torre, e pídenlle ao Goberno do sr. Negreira que remate con esta conivencia.