O BNG-Asembleas Abertas revisará todas as concesións administrativas
A Coruña, 20 de maio de 2015- Con motivo do encontro que mantiveron membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas con traballadores e traballadoras do sector público, o candidato nacionalista, Xosé Manuel Carril, reivindica o Concello da Res Pública e anuncia a revisión das concesións en aras da xestión pública de servizos municipais. Neste sentido, aposta polas auditorías das concesións administrativas de cara á súa revisión e recuperación -nomeadamente as que supoñen grandes beneficios económicos para as empresas por contas do erario público, como a da Compañía de Tranvías, -, polas auditorías das empresas municipais (EMALCSA e EMVSA) para reorientar os seus fins e pola recuperación e reforzo dos servizos públicos.
Ademais, o BNG-Asembleas Abertas avoga polo control da prestación de servizos públicos contratados mediante sistemas de control de xestión baseados en indicadores; pola introdución de medidas nos pregos de contratación e persoal para a fiscalización do cumprimento e boa marcha dos servizos prestados por xestión indirecta e polo nomeamento dunha persoa valedora das usuarias para cada servizo prestado por xestión indirecta, que será empregada municipal, e que fará seguimento da prestación do servizo e das queixas que a cidadanía faga sobre o seu funcionamento.
Na mesma liña, o BNG-Asembleas Abertas porá á disposición das persoas cartas de servizo para informar dos servizos que se ofertan, dos compromisos na prestación, dos trámites básicos de cada procedemento administrativo municipal, así como dos dereitos das persoas usuarias. Tamén acometerá o BNG-Asembleas Abertas unha análise das diferentes áreas administrativas e de servizos do Concello co fin de adecuar os diferentes procedementos e protocolos de actuación con criterios de racionalidade e eficacia e de dotalos do persoal necesario para acadar os seus obxectivos.
O uso eficiente, racional e aberto dos recursos públicos será unha das apostas do BNG-Asembleas Abertas, que, entre outras moitas medidas, tamén auditará e revisará as autorizacións e concesións demaniais sobre bens de dominio público e dereitos municipais, sinaladamente daquelas outorgadas con contraprestación, condición ou suxeitas a taxas. Ademais, inventarianse todos os bens, móbeis e inmóbeis, non só para determinar o seu número, o seu valor, as súas características e o seu estado, senón tamén para os situar xeograficamente e os controlar.
Todas as actuacións en relación á Coruña Pública están no programa (que pode consultarse en bng.gal/cidadedacorunha e en www.todasascorunhas.gal).