ESPAZO PÚBLICO

A zona centro está chea de colectores de entullos

Colector de recollida de entullos e cabina situados na rúa Compostela
Colector de recollida de entullos e cabina situados na actualidade na rúa Santo André

Presentamos unha iniciativa para que se detalle se se fai seguimento da ocupación de colectores de entullos na vía pública

Veciñanza da zona centro achegounos queixas da aparente colocación permanente de colectores de empresas que teñen remado xa obras de rehabilitación, ou mesmo construción, mais que aínda non foron retiraron e solicitamos ao Goberno municipal implicarse para a liberación destes espazos

A zona centro está chea de colectores de entullos

Vimos de presentar unha iniciativa (que podes descargala aquí) na que solicita do Goberno municipal que detalle se fai seguimento da ocupación dos colectores empregados para o deposito de entullos ao carón das obras de rehabilitación, ou mesmo en novas obras, que se realizan na nosa cidade.

E é que despois de que veciñanza do centro da cidade nos trasladara as súas queixas a respecto dos colectores colocados na contorna, sinalando que en moitos casos estes xa cumpriron hai meses a súa función xa que logo as obras para as que foron colocados para a recollida dos entullos das mesmas xa teñen rematado, e por tanto, xa deberían ter sido retirados, queremos que o Goberno local se implique e proceda a demandar das empresas encargadas das obras a retirada se é certo que xa teñen rematado a actuación que obrigaba á colocación dos mesmos.

Neste sentido, cuantificamos na nosa iniciativa que no espazo comprendido entre a rúa de Xoán Flórez, a rúa Torreiro e a rúa Federico Tapia atópanse, na actualidade, colocados un total de 18 colectores de recollida de entullos, na maioría de casos ocupando prazas de aparcamento dentro das distintas zonas ORA (zona xeral, zona exprés e zona residentes).

A colocación permanente destes colectores ten repercusión non só a respecto do aparcamento e a mobilidade; nalgún caso tamén inciden na accesibilidade de determinados espazos, ao impedir un acceso normalizado a persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional ou discapacidade, inciden, tamén, no impacto sobre os negocios enfronte a onde están colocados, xa que logo ocultan de xeito ostentoso a visibilidade cara ao exterior e á rúa do pequeno e mediano comercio, e, por último, contribúen ao feismo urbano, deteriorando a calidade urbana e os espazos públicos, e contribuíndo a unha imaxe descoidada.

Por último, tamén lembramos que a colocación destes colectores é temporal e provisional, cun obxecto concreto e inmediato, polo que a súa colocación non debería exceder, salvo causas debidamente xustificadas, os prazos concedidos polos que é necesario a ocupación da vía pública.

A Coruña, 21 de maio de 2018.

A zona centro está chea de colectores de entullos