CONFERENCIA DE PRENSA PARA AVALIARMOS OS TRES ANOS DE MANDATO EN MARÍA PITA
A vocación do BNG é "ser a alternativa" ante "a ausencia dun proxecto de cidade por parte do Goberno Local"
Ante a ausencia dese proxecto claro de cidade por parte do Goberno Local, remarcou Jorquera, o reto do BNG é o de “ser a alternativa”. “A nosa vocación é construír unha alternativa que dote dun impulso verdadeiramente transformador as políticas municipais”, engadiu.
Enfatizou o voceiro nacionalista que o BNG tivo desde o principio de mandato unha “actitude construtiva”. “Propiciamos a investidura, chegamos a acordos e, sen renunciarmos a exercer a crítica como forza de oposición, fixemos propostas e manifestamos sempre a nosa disposición a cooperar”. Esa actitude construtiva non se viu correspondida por parte dun Goberno Local que acabou por incumprir o Acordo de Investidura de Inés Rey asinado por BNG en PSOE en xuño de 2019. “Iso é un feito obxectivo. O Acordo de Investidura é público. Calquera persoa pode lelo e verá como foi incumprido polo Goberno Local”, denunciou Jorquera.
A falta de impulso é un dos trazos que caracterizou a xestión do Executivo coruñés. “É un Goberno que non está sabendo dar resposta ás necesidades das coruñesas e coruñeses no día a día. Nin en política de vivenda, nin de mobilidade, nin de Cultura, nin ao renunciar a xestión directa de determinados servizos, como acontece cos complexos deportivos municipais”, enumerou.
E a orixe de todas as deficiencias deste Goberno Local remite a unha carencia da que derivan toda as demais: o gabinete de Inés Rey “carece dun proxecto claro de cidade”. Non o ten, ese proxecto de cidade, nin no que ten a ver co deseño da futura fachada marítima da cidade nin no que atinxe ás políticas que podan frear o preocupante proceso de desindustrialización que sofremos. E como non hai proxecto de cidade non se dá resposta “ao tan demandado Parque da Agra” nin tampouco se aposta por “converter As Percebeiras, un espazo privilexiado, nunha zona verde, evitando así que sexa pasto de especulación”. E, en fin, como non hai proxecto de cidade tampouco se é quen de definir o futuro de Nostián “para que realmente sexa un modelo de xestión de lixo alternativo a Sogama.
Jorquera saíu tamén ao paso das críticas formuladas por Inés Rey ao BNG nunha recente entrevista xornalista en que a alcaldesa censuraba a formación nacionalista por supostamente antepor os intereses partidistas aos da cidade.
“Estas declaracións de Inés Rey producíronme perplexidade. Perplexidade porque Inés Rey tivo moitísimo interese en chegar a un Acordo de Investidura co BNG para logo incumprilo de xeito flagrante”, dixo Jorquera, quen lle dirixiu á alcaldesa a seguinte mensaxe: “Confúndese se pensa que antepor os intereses da cidade consiste en facerlle a ‘ola’. Unha cousa son os intereses das coruñesas e coruñeses e outra moi distinta, as súas ambicións persoais”.
A alcaldesa criticou o BNG por supostamente ser unha oposición sen ideas, “cando resulta que Inés Rey se apropia de moitas das ideas e das propostas do BNG”, retrucoulle Jorquera. Ideas como a posta en marcha dun parque de vivendas en aluguer, unha bolsa de locais comerciais baleiros, achegas concretas ao PRESCO (por exemplo, o bono cultura), a Ordenanza do Galego ou a constitución do Consello Económico e Social.
Falta de impulso, carencia de proxecto de cidade e incumprimento da promesa de que esta sería o mandato da estabilidade, a comezar polo feito de que a inestabilidade se fixo dona do Goberno Local desde case o principio do mandato, desde o cesamento de Eva Martínez Acón como concelleira de Emprego até a recente renuncia de Juan Manuel Díaz Villosalda como concelleiro de Urbanismo ou a incerteza que paira sobre a continuidade de Mónica Martínez como concelleira de Deportes.
Unha inestabilidade que se fixo extensiva ao resto de grupos municipais: “Ciudadanos desapareceu da Corporación, asistimos á ruptura da Marea e o PP vai xa pola terceira voceira”. Unha situación que contrasta co “traballo do BNG”, subliñou Jorquera. “Somos unha forza asentada, centrada no traballo e no contacto coa veciñanza, que está a achegar rigor e fiabilidade á política municipal”, dixo. “Démoslle impulso, a través das nosas propostas, a moitas actuacións e iniciativas, aínda que algunhas delas están pendentes de se materializar pola falta de dilixencia do Goberno Municipal”, concluíu.
Por súa parte, Avia Veira achegou dados sobre o labor do BNG no que levamos de mandato. O grupo municipal nacionalista rexistrou un total de 455 iniciativas, das cales 185 foron preguntas orais ou mocións.
A distribución temática das preguntas orais e mocións foi a seguinte:
Mobilidade e accesibilidade e barrios: 24 iniciativas
Economía e emprego: 23
Cultura:16
Igualdade e Xustiza social: 16
Patrimonio, equipamentos e infraestruturas: 14 propostas
Memoria histórica: 13
Urbanismo: 11
Covid: 7
Medio Ambiente e zonas verdes:7
Vivenda: 7
Deporte: 5
Outros temas: 42.