Veira: "Existe un contrastado principio de incerteza sobre que orzamentos debatiremos o venres"

Veira: "Existe un contrastado principio de incerteza sobre que orzamentos debatiremos o venres"

A Coruña, 29 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG agarda que as negociacións que se están producindo nestes últimos dous días entre a Marea Atlántica e o PSOE non modifiquen as achegas que as nacionalistas fixeron ao orzamentos e que foron incorporadas á proposta debatida e aprobada tanto na Xunta de Goberno como na Comisión de Facenda.

O BNG agarda que as “últimas” negociacións entre a Marea e o PSOE non modifiquen as propostas que achegaron en tempo e forma aos orzamentos

Rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno onde se aprobaron os Orzamentos 2016

E é que o BNG denuncia que hoxe ven de convocarse formalmente o Pleno extraordinario de debate dos orzamentos para o próximo venres cando aínda se están producindo negociacións entre o Goberno Municipal e o Grupo Municipal do PSOE en base ao documento presentado por estes últimos e onde se incluían até un total de 68 emendas aos propios orzamentos.

“Entendemos que as nosa achegas, realizadas de xeito ordenado e en tempo e forma, xa forman parte do documento dos orzamentos e non entenderíamos que algunha fora modificada ou eliminada froito desta ultima fase de negociación, da que estamos sendo excluídas e non estamos sendo informadas”, indica Avia Veira.

As nacionalistas denuncian que hoxe se convocou formalmente o Pleno extraordinario cando aínda están a producirse negociacións entre o Goberno municipal e o PSOE e non se sabe se os documentos a debater no Pleno serán os aprobados na Xunta de Goberno e na Comisión de Facenda

Desde o Grupo Municipal do BNG lembran que o proceso de negociación entre a Marea Atlántica e o PSOE alongouse durante máis de catro meses, chegando a rachar, momento no cal foi propio BNG quen chamou a que se realizaran propostas e se elaborara un documento que verdadeiramente apostara por un cambio das políticas na cidade, e convocando unha reunión para dar saída a unha proposta conxunta ao orzamentos.

“O BNG foi quen de facer propostas de xeito construtivo e propoñendo cambios que a nós parecíanos que melloraban a proposta orixinaria remitida polo Goberno municipal. Así o fixemos. Mais nesta última fase aparecen unha serie de propostas novas, que non apareceron durante todo este tempo e que ben poderían terse realizadas moito antes, que fan suxestións e modificacións sobre as nosas, como por exemplo o Banco de locais comerciais. Non sabemos se estas novas propostas finalmente serán aceptadas, polo que existe un contrastado principio de incerteza sobre que documento será o que finalmente debatamos o venres ou sobre os acordos que a posteriori podan ter pactado a Marea Atlántica e o PSOE”, conclúe Avia Veira.

Por último, as nacionalistas agardan que o Executivo local, no debate do propio Pleno, “por fin”, concrete cales das súas achegas son incorporadas nas partidas xerais, que no seu momento foron cualificadas polo Executivo local como “propostas concordantes” e polas que amosaron a súa disposición a incorporar ao documento final.

 

Artigos relacionados

Veira: "Existe un contrastado principio de incerteza sobre que orzamentos debatiremos o venres"