POR MEDIO DUNHA PREGUNTA ORAL NO #PLENOXULLO DESTE 4X
Veira denuncia a arbitrariedade do Goberno Local á hora de tratar as irregularidades urbanísticas
A concelleira do BNG Avia Veira vai denunciar no Pleno deste xoves o que considera a arbitrariedade do Goberno Local á hora de tratar as ilegalidades urbanísticas ou de tramitar as licenzas.
Será por medio dunha pregunta oral co seguinte texto: “Considera Inés Rey que todas as persoas e empresas que viven ou realizan actividades económicas na Coruña reciben o mesmo trato por parte do Goberno Local cando cometen ilegalidades urbanísticas?”.
“Preguntamos isto logo de ver o trato que recibiu o portavoz do Goberno Local após cometer irregularidades urbanísticas en inmóbeis da súa propiedade [coa concesión dunha licenza en tempo récord] e estamos a ver que hai unha certa arbitrariedade á hora de tratar as ilegalidades urbanísticas”, di Veira.
Así, pon como exemplo “o caso moi evidente de Primor”, nos Cantóns, “cunha empresa que se saltou a legalidade urbanística e que acabou abrindo ao público a pesar de que non cumpría os requisitos que se lle esixían para lle conceder a licenza e a pesar dunhas declaracións moi contundentes da alcaldesa”.
Ao BNG cónstalle tamén a existencia de “locais que están a abrir sen a licenza oportuna e que o fan cunha impunidade absoluta”, algo que contrasta “co feito de que a grande maioría das coruñesas e coruñeses si cumpren estritamente coa legalidade urbanística e cos requisitos que se lles esixen”.
Para Veira é evidente que “o Goberno Local non actúa igual con todo o mundo”, polo que “o interpelaremos no Pleno para que rectifique e non actúe con arbitrariedade á hora de tratar as ilegalidades urbanísticas