O único que fixo o Sr. Negreira polos animais foi a súa captura e sacrificio
A Coruña, 10 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita sobre a política errada do Sr. Negreira en relación aos animais. Tal e como denuncian as nacionalistas nunha das iniciativas a única medida do Goberno do Sr. Negreira nestes catro anos redúcese á captura e sacrificio dos felinos que conforman colonias en contornas urbanas.
Nestas preguntas, que se achegan xunto á nota, o Grupo Municipal do BNG lembra que en febreiro de 2014 o Goberno do Sr. Negreira anunciaba traballos para o desenvolvemento dun convenio que implicaba a xestión das colonias felinas na Coruña seguindo criterios xa implantados noutras cidades, como a esterilización e control veterinario dos animais. Máis un ano despois, nada se sabe deste convenio. De aí que o BNG, a instancias das entidades animalistas, lle pregunten ao Goberno local cando pensa asinar o convenio e por que motivo aínda non está operativo.
Noutra das preguntas, o BNG refírese aos pésimos datos de adopción de animais abandonados que divulgou a empresa concesionaria da canceira municipal, uns datos, sinalan as nacionalistas, que convidan a pensar que o servizo podería ter moita marxe de mellora, tal e como veñen reclamando diferentes colectivos animalistas nos últimos meses. Neste sentido, o BNG advirte do exercicio de opacidade do Goberno municipal ao non incluír, nas súas memorias de xestión, o número de animais sans sacrificados cada ano na instalación de titularidade pública. En aras da transparencia, as nacionalistas preguntan cal foi o número de animais sans sacrificados en 2012, 2013 e 2014 e que valoración fai o Goberno local dos índices de adopción da canceira.
O BNG, pioneiro na protección dos animais
O BNG lembra que foi pioneiro en demandar unhas políticas específicas de protección dos animais. De feito, no programa electoral de 2011, que foi elaborado en conxunto cos movementos sociais, incluíase un apartado específico de protección animal.