DEFENDAMOS OS POSTOS DE TRABALLO NA NOSA CIDADE. TOMEMOS A RÚA.
Todas e todos co cadro de persoal de Extel. Manifestación o 6 de outubro
O Grupo Municipal do BNG reuniuse na tarde do día 5 coa representación das traballadoras e traballadores de Extel e deulle traslado do noso compromiso firme en contra dos despedimentos programados e do noso apoio as traballadoras e aos traballadores afectados
Facemos un chamamento á cidadanía a mobilizarse contra este ERE participando da manifestación que terá lugar hoxe, día 6, ás 20.00 h e que sairá da rúa Ramón y Cajal
Avia Veira: “Todas e todos debemos estar ao carón do cadro de persoal de Extel; máis que nunca debemos facer fronte común entre todos os grupos políticos, as traballadoras e os traballadores e o conxunto das coruñesas e dos coruñeses, rexeitando este despedimento colectivo”
Queremos lembrar ás usuarias e aos usuarios de Movistar reclamar a atención en galego, non só para facer valer o dereito de atención en galego, senón tamén para facer forza contra a deslocalización de postos de traballo
O Grupo Municipal do BNG mantivo no seran do día 5, na véspera da manifestación convocada, unha reunión coa representación das traballadoras e traballadores de Extel, afectados pola decisión da empresa de realizar un ERE que na cidade da Coruña vai supoñer o despedimento de 205 persoas.
Nesta reunión, a nosa concelleira Avia Veira informou ao Comité de Empresa que unha das primeiras actuacións que realizou o propio BNG cando tivo coñecemento da intención da empresa de realizar este ERE foi a solicitude por rexistro da convocatoria ao menor tempo posíbel dunha Comisión de Voceiras e Voceiros do Concello para acordar a convocatoria dun Pleno extraordinario que aprobara unha declaración do Concello da Coruña en contra do ERE.
Do mesmo xeito, a propia Avia Veira trasladoulle ás traballadoras e traballadores presentes na reunión o compromiso firme do BNG en contra dos despedimentos programados e de apoio coas traballadoras e traballadores afectados. Neste sentido facemos un chamamento a cidadanía a mobilizarse contra este ERE participando da manifestación que terá lugar hoxe, día 6, ás 20.00 h, e que sairá da rúa Ramón y Cajal.
Tamén, queremos lembrarlle ás usuarias e aos usuarios de Movistar o solicitar e reclamar a atención en galego. Así, non só farase valer o dereito de atención en galego, ademais tamén farase forza contra a deslocalización de postos de traballo xa que non outra senón que esta é a intención da empresa: a destrución dos postos de traballo na nosa cidade para trasladalos a outras localización onde poder incrementar o beneficio a conta dunhas peores condicións laborais das traballadoras e traballadores.
Por último, Avia trasladou na reunión da Comisión dce Voceiros desta mañá a proposta de facer un comunicado conxunto contra o ERE así como tamén lamentamos que esta Comisión non se convocara antes, atendendo á nosa propia solicitude realizada a semana pasada e á urxencia da situación xerada, e co obxecto de poder ter realizado un chamamento conxunto do Concello á cidadanía a participar na manifestación prevista de hoxe.