O Sr. Negreira trata de ocultar as trabas do PP ao informe da visita d@s europarlamentares á ría
A Coruña, 17 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de impresentábeis as palabras do Sr. Negreira sobre a ría do Burgo, nas que asegura que se procederá a retirada de lodos no 2014, cando o seu partido está a atrasar deliberadamente o relatorio sobre as rías galegas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. O Sr. alcalde trata de ocultar as trabas do Partido Popular ao informe que teñen que emitir as europarlamentares que visitaron a ría do Burgo no mes de febreiro.
Segundo puido saber o BNG, a través da súa representante na Eurocámara, Ana Miranda, o relatorio atrásase unha vez máis, até novembro, porque o PP segue a manobrar para que fique en papel mollado. O eurodeputado do PP Millán Mon sinalou, sobre o informe preliminar da UE en relación ás rías, que es parcial y desequilibrado e que habla poco de los progresos. Lembran as nacionalistas as palabras dedicadas por europarlamentares á ría é un escándalo, vimos obxectos no mar e inmundicia, pero as autoridades locais din que está todo ben. Que estamos nós cegos?.
O Sr. Negreira sobre a visita da delegación da UE: Hay demasiado teatro y demasiados paripés
As nacionalistas advirten de que o Sr. Negreira teme que o relatorio das europarlamentares sexa crítico coas Administracións gobernadas polo PP na medida en que non se acometeron investimentos reais e cando nin sequera os orzamentos xerais do Estado recollen ningunha partida dedicada á ría do Burgo. Alude o BNG ás declaracións do alcalde, nunha emisora de radio, no mes de febreiro, sobre a visita da delegación da UE á ría do Burgo, en que dixo hay demasiado teatro y demasiados paripés.
As palabras pronunciadas onte polo Sr. Negreira non casan coa actitude do Goberno municipal no Pleno ordinario de outubro, cando non permitiron nin sequera o debate da moción presentada polo BNG, a instancias da Confraría da Coruña, que pedía 3 millóns para a ría nos orzamentos xerais do Estado e un calendario concreto de actuacións. Por iso, as nacionalistas esíxenlle ao Goberno municipal menos teatro e paripés e máis feitos.