O Sr. Negreira discrimina @s corredor@s que queren as camisolas das carreiras populares en galego
A Coruña, 18 de setembro de 2014- Coincidindo coa clausura por parte do Sr. Negreira do circuito Coruña Corre 2013-2014, que se celebra na tarde de hoxe no Ágora, o Grupo Municipal do BNG denuncia a marxinación á que o Goberno local do Partido Popular somete aquelas persoas que queren a camisola conmemorativa da próxima carreira Coruña10 en galego.
As nacionalistas advirten de que as persoas que quixeran a camisola conmemorativa desta carreira, que terá lugar o vindeiro 5 de outubro, na lingua propia de Galiza tiñan que especificalo na inscrición da proba antes e tiñan que facelo antes do día 15 de setembro, cando a inscrición da carreira popular aínda remata o 1 de outubro.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que a día de hoxe existen persoas que quererían a camisola conmemorativa en galego e que non poden optar a ela por térense inscrito máis tarde do 15 de setembro e, polo tanto, só poden conseguir a camisola en español.
Diante desta nova discriminación do Goberno do Sr. Negreira á lingua propia de Galiza e ás persoas galegofalantes, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao alcalde da Coruña unha rectificación inmediata e que a camisola conmemorativa da carreira popular Coruña10 sexa en galego de xeito predeterminado.