Solicitamos un bando ao alcalde para celebrar con orgullo o 25 de xullo
Esta mañá solicitamos por rexistro ao alcalde da Coruña que redacte un bando conmemorando o 25 de xullo, Día da Patria Galega.
Vimos de lle solicitar ao alcalde da Coruña que redacte un bando conmemorando o 25 de xullo, Día da Patria Galega
Na Coruña temos un dobre motivo para celebrar o 25 de xullo pois foron as Irmandades da Fala, fundadas na nosa cidade xustamente hai cen anos neste 2016, cando en 1919 acordaron celebrar o 25 de xullo o Día Nacional de Galiza.
Precisamente o centenario do nacemento das propias Irmandades ás que lle debemos a celebración desta data que, en palabras do propio Castelao, é a maior festa de todos os galegos e de todas as galegas, é un motivo de orgullo que debe ser significado e posto en valor desde o propio Concello.
Neste sentido, lembramos que non sería esta a primeira vez que na Coruña o seu alcalde redacta un bando conmemorando o 25 de xullo pois no mandato bipartito entre 2007 e 2011 redactárase un que se publicara en todos os xornais.
Así mesmo, animamos as coruñesas e os coruñeses a pendurar, durante esta semana, bandeiras galegas nas fiestras ou nos balcóns das casas para facer visíbel esta celebración.
Por outra banda, e no marco da campaña de actos conmemorativos en torno a esta data, e como xa vén sendo tradicional, celebraremos, xunto coa nosa organización xuvenil Galiza Nova, a ofrenda floral no monumento a Curros Enríquez, nos xardíns de Méndez Núñez, que este ano cumpre a súa vixésima segunda edición.
No marco da campaña de actos conmemorativos do Día da Patria, celebraremos este xoves, a partir das 20.30 h, a XXII ofrenda floral no monumento a Curros Enríquez coa presenza da nosa Portavoz Nacional Ana Pontón
Desta volta, a actividade, na que participará a nosa Portavoz Nacional Ana Pontón, terá lugar este xoves 21, a partir das 20.30 h, e contará cunha rondalla que realizará un pasarrúas que comezará no propio local do BNG, na rúa Damas 4, e percorrerá as rúas do centro da cidade, rematando diante do monumento realizado por Francisco Asorey.
Por último, convidamos a participar, a todas as persoas e a todos os colectivos que sintan este país, a todos os que acrediten en Galiza como nación, da manifestación do Día da Patria, que este ano co lema Galiza Viva. Soberanía e traballo o propio 25 de xullo, a partir das 12:00 h, e desde a alameda, percorrerá as rúas de Santiago de Compostela.
A Coruña, 19 de xullo de 2015