ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2017
Un "si" aos orzamentos só no caso de que teñamos garantido a introdución das nosas achegas
Votaremos a favor da aprobación definitiva dos orzamentos só no caso de que o Goberno Municipal garanta a inclusión das nosas achegas e o prazo para efectivizalas
A nosa portavoz Avia Veira presentou por rexistro está mañá unha solicitude formal para manter unha entrevista co alcalde para lle demandar esta inclusión nos orzamentos de 2017
Lembramos as palabras de Xulio Ferreiro no Pleno da Cuestión de confianza nas que amosaba o seu compromiso a “impulsar un modificativo de crédito para poder incluír as propostas do Bloque Nacionalista Galego” achegadas durante o proceso de negociación
Fixemos un traballo exhaustivo e rigoroso sobre as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas que se plasmou nunha alegación equilibrada que incluía minoracións e altas. Despois de reunírmonos co Goberno municipal pactamos finalmente unha emenda transacional. E desde logo non imos renunciar de balde a todo este traballo polo que esiximos que o Executivo local expoña publicamente como pensa dar encaixe a esa emenda, os prazos para facela efectiva e a garantía da execución final das nosas propostas
Queremos sinalar, toda vez que se ten convocada para a vindeira semana a Comisión de Facenda onde se realizará o estudo das reclamacións presentadas á aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2017, que votararemos a favor da aprobación definitiva destes en canto teñamos garantida a inclusión das nosas achegas pactadas co Goberno municipal no proceso de negociación así como os prazos para efectivizalas.
E é que ademais de propor até 145 intervencións puntuais de actuacións nos barrios da cidade, entre as propostas que o Executivo local aceptou introducir na súa proposta para os orzamentos, e que case acadaban o millón de euros en investimentos, se incorporaban partidas para servizos sociais, educación, emprego e economía social ou cultura.
Estamos falando de investimentos para un Plano de Industrialización para a Coruña, a posta en marcha dun Banco de Baixos Comerciais ou a recuperación do Alén Oulet por valor de 295.000 euros, ou dun sistema de axudas para o pagamento do SAD co obxectivo de eliminar o copagamento deste servizo que chegaba aos 250.000 euros, ou de obras menores en CEIPs, como o Anxo da Garda para os que prevíamos 175.000 euros, ou mesmo da incorporación de partidas por 170.000 euros en diversas actuacións en cultura, como a organización da Feira do Libro. Achegas que mesmo o PSOE asumía cando entre o grupo socialista e o grupo da Marea Atlántica se estableceron as negociacións para unha posíbel incorporación dos primeiros ao Goberno municipal, como así fixo público o portavoz socialista José Manuel García no Pleno da Cuestión de Confianza.
Neste sentido, foi o propio Xulio Ferreiro, nese Pleno, quen se comprometía a impulsar un modificativo de crédito para poder incluír as propostas do Bloque Nacionalista Galego achegadas durante o proceso de negociación.
Mais tamén, desde entón, pasado o prazo para a presentación da Moción de Censura, e por conseguinte a aprobación inicial dos orzamentos, o 6 de marzo, o prazo para a presentación das reclamacións a estes, rematado o día 31, e despois da convocatoria da Comisión de Facenda, prevista para o vindeiro día 24 de abril, desde o Goberno municipal non se comunicou nin como nin cando se ten pensado incorporar esta emenda pactada.
Deste xeito, hoxe á maña, Avia presentou por rexistro unha solicitude para manter unha entrevista co alcalde na que lle trasladará a nosa posición e para lle demandar a inclusión deses investimentos nos orzamentos de 2017, a garantía do cumprimento do acordo e unha calendarización para a incorporación.
Fixemos un traballo exhaustivo e rigoroso sobre as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas que se plasmou nunha alegación equilibrada que incluía minoracións e altas. Despois de reunírmonos co Goberno municipal pactamos finalmente unha emenda transacional. E desde logo non imos renunciar de balde a todo este traballo polo que esiximos que o Executivo local expoña publicamente como pensa dar encaixe a esa emenda, os prazos para facela efectiva e a garantía da execución final das nosas propostas.
A Coruña, 21 de abril de 2017
Artigos relacionados: