UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA
Que o Festival Wake Up&Dream se realice onde non cause impacto acústico nin na veciñanza nin na natureza
Con tal motivo, o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, ten rexistrado un rogo oral para a súa lectura no Pleno do vindeiro 2 de maio a través do cal empraza o Executivo coruñés a que “inste a empresa organizadora do Festival Wake Up&Dream a procurar un espazo na cidade alternativo ao Parque de Bens que non teña na súa proximidade ningún Espazo Natural de Interese Local e onde se poida realizar un festival de música electrónica sen impacto sobre a natureza e a veciñanza”.
Na exposición de motivos desta iniciativa, anota Jorquera que en 2023 a localización do festival no Parque de Bens foi criticada “socialmente antes despois da súa celebración”. “No expediente puidemos ver informes que cuestionaban a idoneidade de celebrar este evento musical no Parque de Bens polo seu impacto no Espazo Natural de Interese Local das Illas de San Pedro”, remarca.
En 2023, a concesión da licenza para a realización do evento foi no mínimo estraña e estivo chea de irregularidades, como no seu momento denunciou, en conferencia de prensa Avia Veira. “É necesario lembrar", salienta Jorquera, "que o ano pasado asinouse o permiso no mesmo día da celebración dos concertos e obtívose a licenza sen que constase no expediente moita da documentación que requirira o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento como copia do plan de emerxencia e planos da entrada principal; a xustificación e a aprobación do rexistro do plan de autoprotección na plataforma Xunta de Galiza ou a xustificación da constitución dun Posto de Mando Avanzado Único”.
A proximidade ás Illas de San Pedro tampouco aconsellaba en 2023, nin agora, a realización do festival no Parque de Bens. De feito, apunta Jorquera, o helicóptero de salvamento Helimer deixou de facer prácticas nesa zona “despois de que se lle solicitase por mor do seu impacto”.
No expediente da edición 2023 aparecía un informe municipal en que literalmente se dicía que non era posíbel “informar adecuadamente a respecto das características técnicas das fontes de son e a súa localización e de se é posíbel ou non garantir o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica nas zonas habitadas como o barrio dos Rosales ou os diverso núcleos próximos”.
Alén diso, o informe remarcaba que a contorna natural do Parque de Bens requiría a especial protección contra a contaminación acústica prevista no Plan de Acción contra o Ruído aprobado pola Xunta de Goberno Local o 25 de agosto de 2017. Ao afectar potencialmente as Illas de San Pedro tamén sería preceptivo, indicaba o informe, que se pronunciase o responsábel municipal do Pan de Conservación do ENIL aprobado polo decreto 62/2020 de 8 de abril.
En definitiva, botábase en falta un “estudo de impacto acústico”, sendo que “parece bastante posíbel que o evento en cuestión supere os obxectivos de calidade acústica esixíbeis na contorna”.
Un ano despois, todo segue nas mesmas e a fauna e a flora sufrirían as mesmas consecuencias: o habitual neste tipo de festivais é que se produzan picos entre os 120 e os 150 decibelios, “cando os durmidoiros de aves mariñas non deben superar os 55 db”, resalta Jorquera. “Mais alén dos decibelios, impactarán tamén na contorna as luces que van acompañar este festival ou o tráfico xerado e a presenza dos milleiros de persoas que van acudir ao Parque de Bens neses días”.
A previsión de impacto acústica ultrapasa tamén con moito a Ordenanza de Protección contra a Contaminación Acústica “e tamén un Plan de Acción contra o Ruído que contempla uns obxectivos de calidade acústica diminuídas en 5 dB nas zonas tranquilas das aglomeracións e en campo aberto”.
Por tanto, hai razóns máis que de abondo para en 2024 levar o festival a un emprazamento que non moleste a veciñanza nin cause danos á natureza.