O PXOM do PP está feito ao gusto dos promotores

O PXOM do PP está feito ao gusto dos promotores

A Coruña, 22 de decembro de 2012.- Con independencia de que aínda non se sabe cal vai ser con exactitude o documento do Plan xeral que vai aprobar o Goberno local o día 26 en pleno, hai unha cousa indiscutíbel e innegábel: os grandes promotores xa saben de antemán o que o Partido Popular lles vai aprobar. A diferenza do conxunto da cidadanía da Coruña, que descoñece a catro días antes do pleno que é o que se vai aprobar, os grandes promotores si o saben, tendo en conta que todas as súas alegacións ao Plan xeral, aprobado inicialmente no ano 2009, foron admitidas e mesmo, melloradas nalgunhas ocasións polo Goberno local do Partido Popular, de modo que o Plan xeral ten nome e apelidos moi concretos.

As grandes construtoras alegantes, beneficiadas do altruísmo e xenerosidade do Partido Popular, son, entre outras, as que a continuación se mencionan.

A estimación mellorada dunha alegación: Inmobiliaria Costa Coruña (Manuel Soto)

Esta promotora alegou contra a clasificación duns terreos clasificados correctamente no PXOM aprobado inicialmente no 2009 como solo rústico de especial protección situado entre o núcleo tradicional de Mesoiro e o sector de Novo Mesoiro (ficha POL M38). Na súa alegación solicitaba a reclasificación dos mesmos como novo sector de solo urbanizábel destinado integramente á construción de vivendas de protección oficial.

A pesar de que os terreos eran rústicos e alleos por completo á malla urbana, o Goberno local non só estima esta alegación, senón que mesmo a mellora. Costa Coruña solicitaba a súa clasificación como solo urbanizábel e o Goberno local non só elimina a súa consideración como solo rústico, senón que ademais reclasifica este terreo como solo urbano non consolidado e, por riba, sen un m2 de reserva para vivenda protexida (ficha PEMD M38; Lugar de mesoiro II, do PXOM aprobado provisoriamente en agosto e PEMD M38 do que se vai aprobar na sesión plenaria do mércores).

En conclusión, a promotora solicitaba reclasificación de terreos rústicos para que sexan urbanizábeis con destino íntegro á construción de vivendas VPO e o Goberno local clasifícaos como urbano non consolidado e sen un metro cadrado para as citadas vivendas de protección oficial.

A estimación das alegacións de Construcciones Fontenla, Invest Cos, Inverante e ANJOCA

Outra proba evidente deste carácter filantrópico, xeneroso e altruísta do noso Goberno municipal está no caso das alegacións presentadas polas citadas promotoras.

Construcciones Fontenla alega contra o Plan xeral aprobado inicialmente no 2009 porque este incorpora ao Plan especial da avenida Alfonso Molina (PE P34, área de reparto AR 09A) un solar da súa propiedade como solo urbano non consolidado. Solicitaba que o seu solar fose considerado como solo urbano consolidado de edificación directa e que se excluíse deste Plan especial mantendo as condicións urbanísticas do Plan xeral de 1998. En resposta á súa alegación, o Goberno local exclúe a parcela mencionada e clasifícaa como solo urbano consolidado, calificándoa coa norma zonal 6.3, de modo que xa pode facer obras de urbanización directamente sen necesidade de realizar cesións para edificar, a diferenza de como viña clasificada antes (onde existían deberes de cesión gratuíta de urbanización e de cesión).

Invest Cos (Souto, Collazo e Jove) alega contra o Plan xeral aprobado inicialmente no 2009, porque terreos onde se estaba construíndo o complexo comercial Marineda City figuran como equipamento (sistema de comunicación) en virtude dun hipotético erro gráfico da parcela. Por esta razón, solicita que se corrixa este erro e se incorpore esta parcela á ordenanza 6.3 do resto da parcela. En resposta á súa alegación, o Goberno local corrixe este hipotético erro na documentación gráfica e incorpora o resto da parcela ás previsións da ordenanza 6.3, de modo que o que antes estaba destinado a sistemas de comunicacións pasan a ter outras finalidades.

Inverante (Manuel Jove) alega contra o Plan xeral aprobado inicialmente no 2009, porque terreos da súa propiedade situados no sector SUD 7 (solo urbanizábel) están afectados por unha regulación que fai inviábel o seu desenvolvemento, ademais de considerar que teñen unha excesiva carga de dotacións públicas e un aproveitamento tipo dos máis baixos. Tendo en conta que os terreos aos que se refire a alegación estaban libres de edificación e arrodeados de solos sen urbanizar (eran solo rústico apto para urbanizar no PXOM de 1998), solicita unha nova delimitación do sector SUD 7 e o sistema xeral adscrito (público e de cooperación). En resposta , o Goberno local redelimita o SUD 7, dividindo en tres ámbitos (SUD 7, SUD 10 e SUD 11) e cambia o sistema xeral adscrito que pasa a ser privado e de compensación, de modo que pasa a ter maior superficie edificábel e se reserva a iniciativa do desenvolvemento dos ámbitos á propiedade privada.

Anjoca (Ángel Jove) alega contra o Plan xeral aprobado inicialmente no 2009, porque terreos da súa propiedade figuran como solo urbanizado delimitado no SGA O42 e co sistema xeral adscrito público e de cooperación. Solicita que os seus terreos se incorporen como un único sector en SUD 3 Martinete ou SUD 7 Zapateira, rexidos por un sistema cuxas condicións de xestión e execución son de iniciativa privada e compensación. En resposta o Goberno local corrixe as determinacións urbanísticas do SGA O42 do Plan xeral aprobado inicialmente no 2009 no sentido de incluír os seus terreos no SUD 3 Martinete, de modo que se reserva a inicativa do desenvolvemento dos ámbitos á propiedade privada.

 

O PXOM do PP está feito ao gusto dos promotores