Propomos a reubicación e soterramento dos contedores do lixo da esquina entre Trompeta e Florida

Contedores do lixo na esquina entre a Rúa Trompeta e a Rúa Florida.
Os contedores do lixo entre as rúas Trompeta e Florida, unha área da cidade en que se concentran múltiples locais de hostalaría, constitúen a partir de primeira hora da tarde pouco menos que unha sorte de vertedoiro incontrolado de residuos (moitos deles produtos perecedeiros).
Propomos a reubicación e soterramento dos contedores do lixo da esquina entre Trompeta e Florida

A existencia deste foco de sucidade e maos cheiros ten sido denunciada en millenta ocasións polas veciñas e veciños desta zona da Pescaría, no corazón histórico da cidade, e así o denuncia tamén o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a través dunha pregunta por escrito ao Goberno Local que vén de ser rexistrada este mesmo martes.

“Hai que ter en conta que a Rúa da Trompeta é unha calella moi estreita e esta situación provoca fortes cheiros e un estado lamentábel de sucidade que atenta contra as máis elementais normas de hixiene, unha circunstancia particularmente grave no contexto da crise sanitaria que estamos a vivir”, afirma Jorquera na súa iniciativa.

A demanda das veciñas, que se reubiquen os contedores, é moi razoábel. Jorquera apunta a que esa reubicación leve aparellada o seu soterramento, visando diminuír o seu impacto “nunha contorna que fai parte do casco histórico da nosa cidade””.

O que lle pregunta Jorquera ao Goberno Local é se coñece esta situación e, en caso afirmativo, que arranxo lle pensa dar. O portavoz nacionalista interésase por saber se o Executivo coruñés ten pensado retirar ou reubicar os contedores e se contempla a posibilidade “de que a reubicación vaia acompañada do soterramento destes elementos”.

 

Propomos a reubicación e soterramento dos contedores do lixo da esquina entre Trompeta e Florida