BARRIOS

Presentamos varias iniciativas para a mellora peonil na zona de Casabranca

Tramo da rúa Monte das Moas que da acceso á avenida da pasaxe que carece de beirarrúas
Tramo da rúa Monte das Moas que da acceso á avenida da pasaxe que carece de beirarrúas

Trasladamos ao próximo Pleno varias preguntas para a súa resposta por escrito así como un rogo interesándonos polas beirarrúas en Monte das Moas, a varanda da rotonda da avenida da Pasaxe e propoñendo a colocación dun paso para peóns no acceso ao Hospital San Rafael

Dáse a circunstancia que as beirarrúas da rúa Monte das Moas, que dá acceso desde os barrios dos Castros e do Castrillón á avenida da Pasaxe, era unha das 57 actuacións anunciadas e incompletas que o ano pasado se ían desenvolver desde a área de Rexeneración Urbana; preguntamos para cando se completará esta obra, moi demandada pola veciñanza da zona por ser esta unha rúa de paso con moito uso e que conecta eses barrios coas Xubias e a zona sanitaria, co CHUAC e co San Rafael

Presentamos varias iniciativas para a mellora peonil na zona de Casabranca

Vimos de presentar varias iniciativas para o vindeiro Pleno de xuño, sendas preguntas para a súa resposta por escrito, así como un rogo, relativas á mellora peonil na zona de Casabranca, en concreto na zona que comprende a avenida da Pasaxe.

Deste xeito, recollemos a preocupación da veciñanza da zona que vén demandando de vello actuacións para a mellora en accesibilidade e mobilidade para unha zona moi transitada e que conecta a varios barrios entre si.

Así, unha das actuacións concreta que demandamos a través dun rogo é dotar dunha sinalización vertical como paso para peóns na zona de acceso ao Hospital San Rafael (preme aquí para velo) xa que logo a carencia deste provoca na actualidade múltiples incidentes ao non aclararse a prioridade, e dá lugar a que vehículos e peóns corran un risco innecesario convertendo ese tramo nun punto negro circulatorio.

Por outra banda, outra iniciativa que levamos ao Pleno é a reparación, ou no seu caso substitución, da varanda da rotonda de debaixo da avenida da pasaxe (podes vela aquí), que salva a estrada de acceso ao Porto, que separa o viario da beirarrúa, xa que logo na actualidade presenta múltiples desperfectos, está danada en varios tramos e a piques de se vir abaixo, e mesmo existe un tramo que falta completamente, na zona comprendida entre o acceso ás Xubias de Arriba e a parte final da avenida de Oza, na parte superior do tramo do camiño de ferro que transita soterrado por Casabranca e que precisamente sae a superficie a partir dese punto.

Situación da varanda na rotonda da avenida da Pasaxe coa estrada do Porto.

Por último, a terceira iniciativa presentada (neste enlace podes descargala) para esta zona é interesándonos sobre unha das 57 actuacións de “acupuntura urbana”, a renovación de beirarrúas e de pavimentos na rúa Monte das Moas, que se anunciara para o ano pasado polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, e que só foi completada parcialmente.

Lembramos na iniciativa que esa intervención na rúa Monte das Moas se realizou de xeito parcial no primeiro tramo entre a avenida da Concordia e a rúa Xeneral Salcedo Molinuevo, mais non se completou a obra no segundo tramo, o que conecta a propia rúa coa avenida da Pasaxe.

Dáse a circunstancia que as beirarrúas da rúa Monte das Moas, que dá acceso desde os barrios dos Castros e do Castrillón á avenida da Pasaxe, era unha das 57 actuacións anunciadas e incompletas que o ano pasado se ían desenvolver desde a área de Rexeneración Urbana; preguntamos para cando se completará esta obra, moi demandada pola veciñanza da zona por ser esta unha rúa de paso con moito uso e que conecta eses barrios coas Xubias e a zona sanitaria, co CHUAC e co San Rafael. Na actualidade non ten beirarrúa e a veciñanza que a percorre continúa a ter que invadir a calzada para poder acceder por este tramo. Situación que no seu momento provocou un atropello mortal, e que na actualidade segue a causar moitas incidencias.

A Coruña, a 22 de maio de 2017.

Presentamos varias iniciativas para a mellora peonil na zona de Casabranca