JORQUERÁ INQUERIRÁ AO EXECUTIVO CORUÑÉS NO PLENO DESTE XOVES 4X
Pregunta sobre as accións emprendidas para obter xustiza para Diego Bello
O portavoz do BNG en María Pita Francisco Jorquera vai preguntar no Pleno do vindeiro xoves ao Goberno Local que accións emprendeu para demandar o esclarecemento dos feitos e a depuración de responsabilidades pola morte do mozo coruñés Diego Bello, asasinado por axentes da policía filipina.
"Non abonda coa Declaración Institucional aprobada polo Pleno do Concello, a instancias do BNG, o pasado 5 de marzo", afirma Francisco Jorquera. "Haina que acompañar de accións ante o Goberno central, ante as autoridades competentes, para que fagan todas as xestións precisas e exerzan a máxima presión política sobre Manila para conseguir que efectivamente se depuren as responsabilidades ás que houber lugar polo asasinato de Diego. Se iso non se fixer, corremos o risco de que o crime fique impune", considera o portavoz nacionalista.
A presión política ten que ser especialmente intensa dado o carácter "mafioso e ditatorial do réxime filipino", xulga Jorquera e nese sentido lembra a actuación do presidente Rodrigo Duterte durante a crise do coronavirus chamando a policía a matar aquelas persoas que se saltasen as normas do confinamento, "boa proba de até que punto nese país a policía é utilizada como auténticos escuadróns da morte".
Remarca Jorquera que, en resposta ao deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, o Goberno español informou de que neste momento en Filipinas hai abertas catro liñas de investigación sobre o asasinato de Diego Bello. "Mais xa sabemos como funciona o réxime filipino. Sabemos que se non hai suficiente presión política esa pode ser a coartada, unha forma de dicir que se está a facer algo, mais sen ánimo real de depurar responsabilidades", alerta o portavoz nacionalista. "A clave está en manter en todo momento a presión política", conclúe.