O PP pretendeu ocultar un expediente de gastos das festas de 202.694 euros
A Coruña, 4 de setembro de 2014- A semana pasada o BNG tivo acceso ao expediente de gastos das festas de María Pita do IMCE, o cal ascendía a 1.648.923,90 euros. Nese momento, as nacionalistas, xa denunciaron a ocultación de parte dos gastos das festas de María Pita 2014 por parte do Goberno do Sr. Negreira, motivo polo que solicitaron acceso a máis documentación.
Tras novas consultas constatan agora que o custe das actividades de Faranduleando non foron 68.818,80 euros, como constaba no expediente das Festas, senón que esta cantidade se refería só ás 29 actuacións realizadas no Parrote e que existía outro expediente que sumaba 202.694 euros e que englobaba as 126 actividades de Faranduleando desenvoltas nos barrios (achégase ao final da nota un cadro cos gastos desglosados de Faranduleando nos barrios). Ademais, xunto a este expediente, o BNG soubo tamén que polas Noites de cine pagáronse 17.554,68 e pola Gala de Maxia Robert Houdin 29.040 euros, o que supón un incremento de 249.288,68 euros sobre os datos coñecidos até agora nos gastos de Festas.
Con estes novos datos, o BNG sinala que os gastos de Festas pagados polo IMCE ascenden xa a 1.898.211 euros, e a isto habería que lle engadir aqueles pagos de actuacións de varios grupos da cidade (un total de 14 concertos) realizados tamén polo IMCE e que a día de hoxe aínda non coñecemos. Así só o IMCE, moi probabelmente, teña gastado perto de 2 millóns de euros, ao que habería que engadir o gasto que achega o concello a través do Consorcio de Promoción para a Música, que realizou tres concertos, da Banda Municipal de Música e da Escola Municipal de Música, do laminado en madeira do escenario de María Pita...
As nacionalistas retan o Sr. Negreira a facer públicos todos os gastos das festas de María Pita, e a que diga cal dos datos que o BNG achega non é exacto.