O PP camiña no sentido contrario á integración e á inclusión de tod@s @s nen@s
A Coruña, 2 de setembro de 2014.- Ante o anuncio realizado esta mañá pola Concellaría de Servizos Sociais de que se abre o prazo de preinscrición para as actividades de lecer nos centros cívicos municipais e que estas contarán como principal novidade cunha oferta concreta de actividades de lecer para menores con necesidades educativas especiais, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que non é adecuado a creación de obradoiros de lecer para menores con necesidades educativas especiais cando xustamente o que se debe pretender é que estas crianzas poidan participar nas actividades do resto das nenas e dos nenos coa maior integración posíbel e co apoio de profesionais cualificados.
Se apostamos pola cohesión social, sinalan as nacionalistas, as administracións están obrigadas a manter unha oferta educativa e de lecer inclusiva e de calidade para todas e todos, mais o PP camiña no sentido contario e presenta propostas para manter afastada e aillada á infancia máis vulnerábel.