O PP aprobou practicamente a mesma estratexia contra o cambio climático que a do Goberno anterior
A Coruña, 15 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego acusa o Goberno do Sr. Negreira de xestión chapuceira, pois o Concello da Coruña adheriuse ao Pacto dos Alcaldes en abril de 2012 e os pregos da Oficina estabelecían que o Plan de Acción de Enerxía Sustentábel debía presentarse no prazo dun ano a partir da sinatura oficial do Pacto dos Alcaldes. Dado que na data de abril de 2013 aínda non estaba realizado o Plan de Acción, o Goberno Municipal tivo que verse obrigado a solicitarlle unha prórroga á Oficina de Pacto dos Alcaldes, sinala o Bloque.
O BNG pon de manifesto que é o propio Goberno Municipal o que, no expediente que levou a Xunta de Goberno Local no momento da sinatura do Pacto dos Alcaldes, afirma que como queira que este Concello está a día de hoxe en condicións de poder afrontar a sinatura do pacto con garantías de cumprimentos dos compromisos mencionados, dispoñendo dalgúns dos elementos formais que son esixidos como un inventario de emisións, unha Estratexia de Loita contra o cambio climático ou un instumento de participación como é a Rede de Enerxía Sustentábel, que aglutina os principais actores locais con influencia no campo da enerxía.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego pregúntase por que o Goberno do Sr. Negreira tivo que solicitarlle unha prórroga á Oficina do Pacto dos Alcaldes e por que aprobou in extremis o documento se a maioría do traballo xa estaba feito, incluída a propia Estratexia local contra o cambio climático aprobada na época do anterior goberno. Agás cuestións puntuais relativas a mobilidade e ao Smart Coruña, é practicamente a mesma que a que se aprobou na Xunta de Goberno Local de 27 de decembro de 2013, a catro días de rematar o contrato da Oficina contra o Cambio Climático, advirte o BNG.
Por outra banda, resulta escandaloso que na Estratexia contra o Cambio Climático aprobado en 2013 se fale de que se trata dun documento vivo polo que deberá ser revisado periodicamente ao obxecto de avaliar a eficacia das medidas nel previstas e formular posíbeis modificacións especialmente tendo en conta o contexto de crise no que nos atopamos, sobre todo sabendo que se trata dun texto moi parecido ao de 2010 e que os datos que se toman como base sexan os de hai catro anos (2009).
Por último, o Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Goberno do Partido Popular non se tome en serio as políticas ambientais e de loita contra o cambio climático e segue a preguntarse cal foi realmente a función da Oficina contra o Cambio Climático, que lle custou ao conxunto das coruñesas e dos coruñeses 16.527,50 , se non foi nin sequera a elaboración da Estratexia contra o Cambio Climático.