MOBILIDADE

Pola xestión pública municipal do servizo de transporte urbano na Coruña

Bus facendo o percorrido dunha das liñas pola cidade

Solicitamos no Pleno o seu posicionamento en contra do acordo da Xunta de Goberno polo que se dá unha prórroga de dous anos ao Convenio asinado á Compañía de Tranvías e o Concello da Coruña para seguir a prestar o servizo de transporte urbano

Desde o BNG entendemos que a 1 de decembro a concesión chegou ao seu fin. Polo tanto, e como é habitual cando se extingue unha concesión, a concesionaria pode seguir prestando o servizo sen a necesidade de prorrogas até que haxa un novo modelo de xestión ou se conceda a outra empresa. Neste caso o Executivo local atendeu antes ás demandas da Compañía de Tranvías no canto de facer valer o seu propio criterio, e despois de que a propia Asesoría Xurídica indicara que extinción da concesión non ten consecuencias xurídicas nin económicas para o Concello

A Compañía de Tranvías leva gañado desde 2010 un total de 21.182.804,64 € de beneficios netos (despois de impostos), e que a porcentaxe de subvención que paga o Concello sobre a cifra de negocios pasou do 33,84% en 2010 ao 37% en 2015

Instamos na mesma iniciativa a que o Goberno municipal realice os estudos e informes necesarios para a xestión pública municipal do servizo de transporte colectivo de viaxeiros, atendendo ao perfil de persoa usuaria do autobús, fortemente feminizado e precarizado, no canto de ir beneficiar a unha empresa privada

Pola xestión pública municipal do servizo de transporte urbano na Coruña

Solicitamos en Pleno o seu posicionamento en contra (preme aquí para ver a iniciativa) do acordo da Xunta de Goberno polo que se dá unha prórroga de dous anos ao Convenio asinado á Compañía de Tranvías e o Concello da Coruña para seguir a prestar o servizo de transporte urbano.

Entendemos que o convenio asinado entre a Compañía de Tranvías e o Concello da Coruña extinguiuse o 1 de decembro e que, polo tanto, o acordo da Xunta de Goberno polo que se establece unha prorroga de dous anos carece de fundamento xa que logo, e como calquera outra concesión, podería seguir a atenderse o servizo mentres non haxa un novo modelo de xestión ou se conceda a outra empresa.

Desde o BNG pensamos que a 1 de decembro a concesión chegou ao seu fin. Polo tanto, e como é habitual cando se extingue unha concesión, a concesionaria pode seguir prestando o servizo sen a necesidade de prorrogas até que haxa un novo modelo de xestión ou se conceda a outra empresa. Neste caso o Executivo local atendeu antes ás demandas da Compañía de Tranvías no canto de facer valer o seu propio criterio, e despois de que a propia Asesoría Xurídica indicara que extinción da concesión non ten consecuencias xurídicas nin económicas para o Concello.

Deste xeito, na moción que presentamos no Pleno, sinalamos que o Regulamento CE 1370/2007, que deu lugar á extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros na nosa cidade podería abrir a posibilidade de mudar a mobilidade na Coruña dun xeito transformador.

Así, é o propio Regulamento o que lle dá a posibilidade ao Concello da Coruña de xestionar de xeito directo o servizo público de transporte de viaxeiros segundo o que se sinala no artigo 5.1., polo que cremos que a xestión pública municipal deste servizo abriría a posibilidade de mellorar as infraestruturas (paradas, marquesiñas, autobuses etc.), mellorar as liñas (frecuencias, rutas, percorridos), aumentar as bonificacións etc, ou implementar medios de transporte que non sexan sen ter que llo consultar á empresa de turno que ofreza o servizo e, por suposto, sen ter que compensala por posíbeis desequilibrios ou mudanzas na concesión.

Neste sentido, na proposta que presentamos instamos o Goberno municipal a realizar os estudos e informes necesarios para a xestión pública municipal do servizo de transporte colectivo de viaxeiros, atendendo ao perfil de persoa usuaria do autobús no canto de ir beneficiar a unha empresa privada, fortemente feminizado e precarizado, e que supoña que o pagamento do billete sirva para implementar medios de transporte alternativo para non limitar o servizo ao de autobús, mellorar as infraestruturas, paradas, marquesiñas, autobuses, etc., mellorar as rutas, frecuencias e horarios, que permitan que as coruñesas e os coruñeses non precisen empregar o coche para ir traballar ou para facer a súa vida diaria e para implementar bonificacións que fagan máis accesíbel economicamente e compensen a utilización do transporte colectivo fronte ao privado.

O servizo de transporte colectivo de viaxeiros na cidade só é beneficioso para a Compañía de Tranvías. Desde 2010 leva gañado un total de 21.182.804,64 € de beneficios netos (despois de impostos), e a porcentaxe de subvención que pagamos todas e todos sobre a cifra de negocios pasou do 33,84% en 2010 ao 37% en 2015, mentres que é algo público e notorio, especialmente para aquelas persoas que somos usuarias frecuentes do transporte na nosa cidade, que o bus é caro e ineficiente, que actualmente non serve para conectar os barrios da nosa cidade, nin cos polígonos industriais, nin cos centros sanitarios, e ten máis que abandonadas as zonas máis periféricas da cidade. Ademais, os horarios e as frecuencias non permiten empregar o autobús para ir e volver de traballar a moitas persoas da nosa cidade. No BNG apostamos, en definitiva, pola xestión pública municipal do servizo de transporte urbano na Coruña.

A Coruña, 12 de decembro de 2016

Pola xestión pública municipal do servizo de transporte urbano na Coruña