REXEITADA A PROPOSTA DE INCLUSIÓN DUNHA OBSERVADORA SINDICAL NOS TRIBUNAIS DE EMPREGO PÚBLICO

O Pleno do outubro aproba por unanimidade tres mocións do BNG

Grupo municipal BNG no Pleno Outubro
Grupo municipal do BNG no #PlenoOutubro
O Pleno de outubro do Concello da Coruña aprobou por unanimidade tres mocións do BNG: as referidas á mellora das pensións para os profesionais da avogacía e a procuradoría, ao reforzo do servizo de recollida do lixo e á abordaxe dos problemas de mobilidade que sofren os miles de persoas que traballan no Polígono de Agrela.
O Pleno do outubro aproba por unanimidade tres mocións do BNG

En troca, foi rexeitada a moción coa que o BNG instaba o Goberno Local a permitir a presenza dun/unha observadora sindical -con voz, pero sen voto e nomeada pola Xunta de Persoal- nos tribunais de emprego público do Concello.

O portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, xustificou a oposición do seu partido a esta proposta co argumento de que a prohibe o Estatuto Básico do Emprego Público. Argumento que non se sostén desde o momento en que esa figura si existe en institucións como o Concello de Madrid, a Deputación de Huesca ou a Universidade da Coruña. Non se trataría tampouco de representante de ningún sindicato en concreto, senón do colectivo de traballadoras e traballadores do Concello co obxectivo de garantir a pureza dos procesos selectivos de persoal.

Moción sobre a mellora das pensións de avogados e procuradores

Esta foi a primeira en ser defendida no Pleno e foi asinada conxuntamente por BNG, PSOE e PP.

Relatou o noso concelleiro David Soto que os profesionais da avogacía e da procuradoría víronse obrigados a subscribiren un plan de pensións individual pola vía da capitalización (só tiveron a posibilidade de cotizar como autónomos desde 2005).

David Soto
David Soto

Un plan de pensións que exclúe as da Seguridade Social e que pode resultar en cantidades inferiores ás non contributivas. De feito, sinalou, o noso deputado Néstor Rego xa levou ao Congreso unha iniciativa para se poderen trasladar ao réxime de traballadores autónomos as cantidades cotizadas á Mutualidade.

Sobre o reforzo do servizo de recollida de lixo

“Abonda con pasear polas rúas dos nosos barrios para atopar cada pouco metros colchóns, mobles e outros residuos de grande tamaño que, alén do seu impacto visual, son focos de sucidade”, remarcou o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera, ao presentar esta moción.

Por suposto que existe un problema de “comportamentos incívicos”, mais á vez continúa a haber cidadáns que “chaman ao 010, seguen indicacións para depositar voluminosos, pero pasan semanas sen que estes sexan recollidos”.

Como mellorar a situación da recollida de lixo? Pois cómpre axir en dous planos: 1.-Fomentar a educación cívica. “O espazo público haino que coidar. É de todas e todos. E tamén hai que perseguir con todo rigor as condutas incívicas”, alegou. E 2.-Reforzar o servizo, “nomeadamente para garantir a retirada dos voluminosos, con especial atención ás zonas de alta concentración de establecementos hosteleiros”.

Alén do contido concreto da moción, Jorquera fixo tamén alusión aos últimos desenvolvementos do caso STL.

Jorquera
Jorquera

“Esta mesma semana coñecemos que dous membros do comité de empresa da concesionaria de limpeza, entre eles o seu presidente, anunciaban o abandono do STL”, referiu. “Iso despois de que o seu máximo capo alardease de que ‘estaban máis fortes’ que nunca”, remarcou.

“É unha boa noticia, mais non abonda”, apuntou Jorquera, ao tempo que salientou que un sindicato con presenza na concesionaria de limpeza solicitou unha reunión coa concelleira de Medio Ambiente sen ter aínda recibido resposta. “Pídolle que atendan esta petición”.

Alén diso, fica pendente o compromiso -contido no Acordo de Investidura- de abrir unha investigación interna no Concello que depure as hipotéticas responsabilidades contraídas polas concesionarias no caso STL, enfatizou.

Sobre a mobilidade no Polígono de Agrela

A moción defendeuna Avia Veira e contén un feixe de propostas para mellorar os problemas de mobilidade que sofren os miles de persoas que traballan no Polígono de Agrela.

Avia Veira
Avia Veira

Propostas como a implantación dun aparcamento disuasorio na contorna, o establecemento de liñas de bus internas ao polígono con frecuencias de 5 minutos, a posta en valor do tendido ferroviario, a mellora da iluminación para favorecer a mobilidade peonil nocturna e o impulso por parte da Xunta da chegada do bus metropolitano a este parque empresarial.

“Agrela é hoxe un barrio máis e as persoas que nel traballan comparten moitos dos problemas doutras zonas da cidade: falta de accesibilidade, de mantemento das beirarrúas, de iluminación e de mobilidade en transporte público”, concluíu.

 

 

 

O Pleno do outubro aproba por unanimidade tres mocións do BNG