UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENOXULLO DO VENRES 11X

A Pleno a "case interminábel relación" de servizos municipais en precario, un claro prexuízo para as persoas usuarias

Imaxe do exterior da Planta de Nostián
O servizo de xestión e tratamento do lixo, na imaxe a planta de Nostián, é un dos múltiples que se atopan en precario
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vai levar ao Pleno do vindeiro venres 11X a “case interminábel” relación de concesións municipais caducadas e que, por tanto, se están a prestar en precario.
A Pleno a "case interminábel relación" de servizos municipais en precario, un claro prexuízo para as persoas usuarias

As coruñesas e os coruñeses vense directamente prexudicados pola prestación en precario destes servizos porque, argumenta Jorquera, “se os contratos están vencidos, as empresas que tiñan a concesión non invisten e os servizos vanse degradando, co conseguinte prexuízo para as persoas usuarias”.

A relación de servizos en precario é “case interminábel”, remarca Jorquera, quen, entre outros, cita o servizo de xestión e tratamento do lixo; o de recollida; o transporte público urbano; a ORA e a retirada, inmobilización e depósito de vehículos; a rede de bibliotecas municipais, o mantemento das instalacións e dos campos de fútbol; ben como tamén a xestión dos complexos deportivos de San Diego e Castrillón, a piscina de Santo Amaro e o campo de golf da Torre...

É por todo isto que Jorquera vaille formular unha pregunta oral ao Goberno Local nestes termos: Considera o Goberno local que abonda con aprobar unha instrución sobre as concesións municipais para resolver a situación dos moitos servizos que se están a prestar en precario?

A ese respecto, ao BNG parécelle ben esa instrución e a publicación da relación de concesións, mais ao mesmo tempo Jorquera xulga “incríbel” que “tivésemos que agardar tanto tempo para coñecer que hai multitude de concesións municipais,  moitas delas dos anos 80, cos concesionarios sen pagaren o canon ou con importantes débedas co Concello”.

En todo caso, e perante a situación irregular das concesións, o BNG insta o Goberno Local a que cumpra o seu compromiso e faga unha auditoría do sector institucional do Concello para proceder á súa reordenación, “pondo orde en entes como o IMCE para que non sexan un saco sen fondo”, conclúe.

 

 

A Pleno a "case interminábel relación" de servizos municipais en precario, un claro prexuízo para as persoas usuarias