REXEITADA A MOCIÓN PARA COMBATER A PRECARIEDADE LABORAL
O Pleno de abril aproba as mocións do BNG sobre a Agra dos Mallos e o Xardín do Observatorio
Por contra, o Pleno rexeitou a iniciativa contra a precariedade laboral, coa abstención do PSOE e o voto contrario do PP.
Canto ás casas da Agra dos Mallos, a concelleira nacionalista Avia Veira reclamou unha solución urbanística do polígono en que se atopan de maneira que non se obrigue ás persoas propietarias a facer un desembolso económico elevado.
A solución é perfectamente posíbel unha vez que se variou o trazado do viario que leva á estación intermodal, remarcou Veira. "Apoiamos o novo viario para a intermodal, mais queremos que se manteñan as edificacións preexistentes e para iso o Goberno Local debe estudar unha solución para estes veciños que nos os obrigue a asumir unha grande carga económica", engadiu.
Sobre o Xardín do Observatorio e o protocolo asinado polo Concello coa AEMET para a súa apertura -cunha duración de 4 anos- Avia Veira anotou que un ano despois de se formalizar, nada se fixo para abrir ao público eses 5.000 metros cadrados.
Un ano despois de ter sido asinado o protocolo coa AEMET, nada se fixo para abrir ao público os 5.000 metros cadrados do Xardín do Observatorio
A iniciativa do BNG persigue que a cesión do Xardín do Observatorio se faga permanente e que se alcance unha solución urbanística que satisfaga a veciñanza e que faga deste espazo da AEMET o xerme dun futuro Parque da Agra merecente de tal nome que faga xustiza ás necesidades dun barrio tan densamente poboado como o da Agra que arrastra evidentes carencias de zonas verdes.
A que si foi rexeitada foi a moción do BNG a prol de as distintas administracións públicas realizaren accións para combater unha precariedade laboral que as sucesivas reformas promovidas por gobernos centrais de distinto signo político non teñen feito senón agrandar.
A moción procuraba tamén facer prevalecer os convenios galegos sobre os de ámbito estatal, reivindicación da clase obreira do noso país como, por exemplo, testemuñan as recentes mobilizacións das traballadoras de Inditex na nosa cidade, remarcou o autor da iniciativa, o noso concelleiro David Soto.