Pedímoslle a Inés Rey que inicie "negociacións" con Defensa para reverter a venda dos soares da Maestranza
"Por difícil que sexa, hai que intentalo. A venda destes terreos é un mala noticia para a cidade. Son terreos que eran comunais, propiedade de todas as coruñesas e coruñeses, dos que se apropiou o Estado para usos militares. Hai pronunciamentos do Concello, xa desde o século XIX, para tentar recuperalos para o público. Sen ir máis lonxe o pasado xoves o Concello aprobou por unanimidade unha moción do BNG en que se instaba o Goberno do Estado a que se cedesen ao Concello terreos ou edificios estatais que se achan en desuso", dixo o portavoz do BNG en María Pita.
"O Ministerio de Defensa prima o interese especulativo en vez do social. E hai responsábeis desta situación", dixo en alusión ao convenio asinado con Defensa en 2004 polo daquela alcalde Francisco Vázquez.
Canto á alternativa que defende o BNG para estes soares, o portavoz nacionalista afirmou que debe ser produto "dun diálogo entre o Concello e a veciñanza". Mais na contorna da Cidade Vella é especialmente notoria a necesidade de aumentar as zonas verdes e os equipamentos públicos, ben como a posta en valor dunha área que posúe un alto valor patrimonial coa presenza de valiosos restos arqueolóxicos das murallas da cidade.