O Parrote: de ter como finalidade a posta en valor do baluarte a ser "pista de aterraxe"
A Coruña, 4 de xullo de 2014- No día de hoxe, o Grupo Municipal do BNG tivo coñecemento da nova ocorrencia do Goberno do Sr. Negreira, que vai expoñer uns avións do I Festival Aéreo na explanada do Parrote, a modo de pista de aterraxe. E isto, malia que a finalidade das obras do Parrote era a protección e posta en valor do baluarte, hoxe en día soterrado e oculto no interior do aparcadoiro de Copasa. Tirando da ironía, o Bloque sinala que o Sr. Negreira podería aproveitar a afluencia teórica de público no Parrote para expoñer os Audis pendentes de vender.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira malgaste 40.000 euros neste festival aéreo en plena época de recortes, cando outras cidades cancelaron este tipo de eventos, que non crean emprego, con motivo da crise.