AVIA VEIRA

"Que o parque do Agra sexa zona verde é unha necesidade social e ambiental"

BNG A CORUÑA
Reproducimos a seguir a entrevista a Avia Veira que apareceu na edición de La Opinión da Coruña deste domingo 8M. Nela a concelleira nacionalista fala sobre a posición do BNG en relación á proposta do Goberno Local sobre o Parque da Agra.
"Que o parque do Agra sexa zona verde é unha necesidade social e ambiental"

O BNG e Marea Atlántica foron os grupos municipais que rexeitaron no último pleno a proposta de cambio urbanístico do Goberno local para establecer a distribución de edificios e zonas verdes no parque do Agra. Os nacionalistas sempre deron o seu apoio aos veciños, que non aceptan outra cousa que non sexa a eliminación total de construcións no ámbito. Avia Veira, edil do BNG, pídelle ao Concello que opte por mercar edificabilidade aínda que teña que responder o PSOE con altas compensacións económicas aos donos de terreos edificables na zona.

Dixo no pleno que a proposta do PSOE melloraba á de Marea pero non era suficiente. Ata onde unha nova mellora no deseño do ámbito sería suficiente?

O BNG considerará sempre insuficiente unha proposta urbanística que recolla algún tipo de edificación no parque do Agra. É un espazo único no barrio onde pode haber zonas verdes, non haberá outro. Que todo o parque sexa área verde é unha necesidade social e ambiental.

Dialogar, negociar... Por onde pasan as vías de solución?

Dixemos dúas alternativas que se poden e deben estudar o Goberno e os técnicos municipais, sobre todo porque hai uns obxectivos de desenvolvemento sostible aprobadas pola ONU e unha axenda urbana tamén aprobada pola Xunta de Goberno Local e polo pleno que di que hai que aproveitar os metros cadrados de zona verde. Unha vía é a transferencia de edificabilidade a outras zonas da cidade e outra é a adquisición de edificabilidade aos propietarios dos terreos. Isto tense que estudar e nós sabemos que o Concello ten capacidade económica para facelo.

Pregúntalle a alcaldesa ao BNG e a Marea de onde debe entón recortar os 15 millóns de euros para pagar as indemnizacións que debe pagar se merca edificabilidade. De onde pensa vostede?

O Concello ten capacidade de endebedamento. Non tería que pagar todo nun mesmo ano, e o desembolso non se produciría todo neste ano, posto que a modificación urbanística vai levar o seu tempo. Nós non temos problema en sentarnos e ver de onde se sacan os cartos para indemnizar, por iso non vai quedar. Repito que falamos dunha necesidade ambiental e social, e que nós pensamos que é unha necesidade que no polígono todo o espazo se aproveite para zona verde.

Escoita o Goberno local aos veciños, aínda que non poda satisfacer as súas demandas?

Isto non é unha cuestión semántica de se se escoita ou entenden as reclamacións da veciñanza. Aos veciños hai que escoitalos e atendelos. E cando neste caso teñen razón, con argumentos de peso enriba da mesa que avalan as súas reivindicacións históricas, hai que ver se o Goberno local cre nun desenvolvemento sostible e se a alcaldesa quere, como di, unha cidade que loite contra o cambio climático. Construír máis e sobre zona verde é o contrario, é acentuar os problemas dun barrio con contaminación e ruídos, con moi alta densidade de poboación.
 

"Que o parque do Agra sexa zona verde é unha necesidade social e ambiental"