Os orzamentos marcan as prioridades da dereita: espectáculo e turismo fronte a servizos sociais
A Coruña, 13 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo debullou esta mañá en rolda de prensa os orzamentos de 2014 respectivos ás áreas de Servizos Sociais, IMCE e Turismo. Estes orzamentos de 2014 marcan, de xeito claro, as prioridades da dereita que nos goberna: cun orzamento xeral que sobe un 2,65% respecto o de 2013, vemos que aumenta a área de Turismo nun 29,58%; a do IMCE, un 7,84% e a de Servizos Sociais, un mísero 1,6%, advertiu.
A edila do BNG fixo especial fincapé nesta última Concellaría, a de Servizos Sociais, cuxo orzamento só aumentou 253.000 euros, un 1,6% respecto ás contas de 2013. Porén, denunciou que esta pequena suba vese anulada e fica con saldo negativo por un novo convenio polo que o Concello agasallará o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar con 315.864 euros para compartir o custe dos dous centros de día de xestión privada que hai na cidade.
Explicou a nacionalista que a Xunta de Galiza obriga os Concellos a asinar estes convenios tanto para centros de días como para escolas infantís, mais o Concello da Coruña sempre se negara a asinalos. Ao PP non lle importa que A Coruña fose insubmisa á hora de pagar estes convenios porque o importante é non facerlle un feo aos amigos (Beatriz Mato e compañía), sinalou. Restando estes 315.864 euros do convenio coa Xunta, estes Robin Hood ao revés provocan que o orzamento de Servizos Sociais caia en 62.864 euros respecto das contas de 2013, advertiu.
O PP regálalle á Xunta 315.864 euros mentres á vez que suprime os 140.000 euros a ONGD
Agasallos como estes 315.864 euros á Xunta de Galiza, apuntou, explican que o PP conxele unha partida como a de emerxencia social, que no 2014 repite os 660.000 euros, ou que suprima as subvencións destinada ás actividades no exterior das ONGD, unha partida que pasa de 140.000 euros de 2012, a 90.000 euros no 2013 e a 0 euros o ano que entra.
O que máis chama a atención é que o Goberno do PP presenta unha enmenda a totalidade sobre a súa actuación en materia de chabolismo, alertou a concelleira do BNG, seica co Programa Acceder houbo 20 contratos, seica cada mes sae unha familia do asentamento da Conserveira e seica o Plan especial funciona á perfección..., ironizou. Porén, o PP sácalle ao Secretariado Xitano o Plan especial de erradicación do chabolismo, un total de 330.000 euros, e dállo á obra Social de Novacaixagalicia, é dicir, un banco que pola mala xestión do PP vai ser vendido por catro céntimos, denunciou. Tamén en materia de chabolismo, puxo de manifesto que o Programa Acceder pasa de contar con 95.000 euros a contar con 32.500 euros e criticou que o PP volve levar debuxada nos orzamentos de 2014 unha partida para adquirir vivendas de cara á erradicación do chabolismo, uns cartos, lembrou, cuxo nivel de execución é sempre o 0%. Advertiu de que esta partida que nunca se executa baixa de 200.000 euros a 100.000 euros.
O orzamento de cultura sobe en 600.000 euros, dos que 400.000 son destinados a festas
No que respecta ao orzamento do IMCE, María Xosé Bravo, criticou que o PP centre os esforzos nas festas. E é que dun incremento de 600.000 euros, 400.000 euros van dedicados a festas.
Tamén se referiu aos cartos destinados á fundación Luís Seoane que, despois de estar intentando afogar a institución, o PP volve dotala agora do orzamento mínimo necesario, tal e como se recolle na seguinte táboa:
Luís Seoane
2014 2013 2012 2011
350.000 euros 230.000 euros 250.000 euros 362.480 euros
A continuación, a concelleira do BNG tratou a precarización dos museos científicos, unha precarización que non se pode xustificar por razón de austeridade, pois obedecen ás prioridades estabelecidas polo goberno do PP. Xa denunciamos o ano pasado a redución do orzamento en exposicións nos MC2, partida que volve diminuír, tal e como recolle a seguinte táboa:
Exposicións MC2
2014 2013 2012 2011
100.000 euros 135.000 euros 150.000 euros 154.000 euros
E denunciou, tamén, o recorte do orzamento de conferencias e cursiños nos MC2, que xa sufrira unha baixada espectacular:
Conferencias e cursiños MC2
2014 2013 2012 2011
2.000 euros 2.000 euros 10.000 euros 25.000 euros
Porén, onde advertiu dun desprezo maiúsculo do PP foi na área de bibliotecas, pois o Sr. Negreira segue a retallar o orzamento da partida destinada a mercar prensa, revistas e libros nas bibliotecas e isto, tendo en conta que hai unha nova biblioteca, a do Ágora, o que significa que todas as bibliotecas disporán de menos fondos para adquirir prensa e material de lectura e de consulta.
Bibliotecas: prensa, revistas e libros
2014 2013 2012 2011
95.000 euros 100.000 euros 100.000 euros 134.256 euros
Máis cartos para festas e turismo mentres se condena ás máis débiles á miseria
Despois de debullar os orzamentos de Servizos Sociais e do IMCE, a concelleira do BNG criticou que o Partido Popular priorice a área de Turismo, que aumenta case un 30% respecto dos orzamentos de 2013, ao pasar a transferencia de 3.500.000 euros a 4.535.727.
Á vista destas cifras, a concelleira do BNG acusou o Partido Popular de querer facer máis pobres os pobres e de condenar á miseria os colectivos máis débiles. A supresión dos cartos para actividades de ONGD no exterior son a mostra máis palpábel de que o PP, no canto de loitar contra a pobreza, loita contra os pobres, salientou. Iso si, cartos para turismo e para festas hai, concluíu