MEMORIA HISTORICA
#OPazoÉdoPobo
Presentamos esta mañá diante da Casa Cornide a moción para a recuperación do Pazo de Meirás
Solicitamos na iniciativa, entre outras actuacións, que o Pleno declare a familia do Ditador e a Fundación Franco non gratas no Concello da Coruña, adherirse á proposta aprobada polo Pleno da corporación municipal de Sada a principios de agosto, apoiar a decisión de participar na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás constituída a iniciativa da vicepresidencia da Deputación da Coruña e realizar un estudo da implicación do Concello para co beneficio lucrativo da Familia Franco
O Concello da Coruña debe amosar o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da Familia Franco, por iso cremos moi acertada a iniciativa da Deputación da Coruña de creación da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. Mais tamén debe realizar todas cantas actuacións sexan necesarias para investigar a implicación que tivo para co espolio e todas elas encamiñadas na restitución das vítimas forzosas e da memoria: por iso non é casual que presentemos esta moción diante da Casa Cornide xa que durante a ditadura houbo moitos «Pazos de Meirás»
Vimos de presentar en rolda de prensa esta mañá a moción (podes descargala premendo aquí) que levaremos ao Pleno do vindeiro luns sobre a memoria histórica e a situación actual do Pazo de Meirás, iniciativa que se inscribe nas accións, tanto de rebeldía cívica como de actuación institucional que estamos desenvolvendo para a devolución do Pazo de Mairás ao patrimonio público e de restitución da memoria histórica en Galiza.
Na rolda de prensa, que contou coa participación de Vitoria Louro, a nosa Responsábel Comarcal, Laura Rodríguez, Responsábel Local de Sada e Avia Veira, portavoz no Concello da Coruña, avanzamos que esta iniciativa non será a única que se realice neste sentido na cidade e busca involucrar de xeito inequívoco ao Concello na investigación da implicación, até as ultimas consecuencias, que tivo a administración local nos espolios acontecidos en beneficio lucrativo a favor da familia Franco durante o período da ditadura.
Deste xeito, Vitoria Louro sinalou durante a rolda de prensa no ultimo mes xa presentamos iniciativas en varios concellos da comarca, así como demos traslado a diversas institucións do estado e europeas, e mesmo diante das Nacións Unidas, de interpelacións, nas que se destacan a presentación de diversas denuncias ante a Comisión e Parlamento europeo e a comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.
Xa transcorridos 42 anos seguimos a comprobar por desgraza que o franquismo segue vivo con decisións como que a Fundación Franco sega xestionando o Pazo de Meirás. Isto vén sendo a punta do iceberg do franquismo, polo que se fai máis que evidente a posta en marcha «dunha fronte democrática» para actuar institucional e socialmente e neutralizar esta situación aberrante e restituír a memoria histórica no noso país.
Neste sentido, Laura Rodríguez, a nosa Responsábel Local de Sada, lembraba que fora precisamente o BNG, hai xa 10 anos, en 2007, a iniciativa do goberno de Abel López, alcalde de Sada, e do goberno bipartito na Xunta, quen promovían as primeiras actuacións de restitución da memoria histórica para co Pazo cando se solicitaba, a aquela altura, a súa declaración de BIC e se demandaba a súa apertura e visitas á veciñanza.
Desde que o Goberno local de Sada, coa alcaldía do BNG, tomou a iniciativa de solicitar a declaración como Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás, comezaron os atrancos por parte dos propietarios, recorrendo na xustiza todas e cada unha das actuacións necesarias para a declaración BIC. Como non foron capaces de parar esta iniciativa, comezaron os atrancos para as visitas ás que obriga a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, para que, finalmente, “entregaran” a xestión do Pazo á Fundación Francisco Franco, algo que cualificamos como un insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza, xa que logo esta entidade ten como fin loubar a figura e o pensamento do ditador e xenocida”, indicaba durante a súa intervención Laura Rodriguez.
Pola súa banda, a nosa portavoz na Coruña, Avia Veira, sinalou que a iniciativa, entre outras actuacións, solicita que o Pleno declare a familia do Ditador e a Fundación Franco non gratas no Concello, adherirse á proposta aprobada polo Pleno da corporación municipal de Sada a principios de agosto, apoiar a decisión de participar na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás constituída a iniciativa da vicepresidencia da Deputación da Coruña e realizar un estudo da implicación do Concello da Coruña para co beneficio lucrativo da Familia Franco.
De feito, demandamos coa toma deste ultimo acordo que se investigue todo o que ten que a ver cos espolios, coas apropiacións, cos servizos e coas actuacións realizadas en beneficio da Familia Franco durante a Ditadura pola administración local, nomeadamente a achega de 25.000 pesetas de 1938 e a promoción dunha subscrición de pago obrigada e a doazón de parte de nóminas do funcionariado público para o espolio do pazo de Meirás, os servizos de asistencia e atención de parte do cadro de persoal do Concello da Coruña durante os 38 anos que a familia empregou o Pazo como lugar de estancia estival, tanto para o servizo doméstico como para os servizos cotiás ou o proceso polo que se elevou a loxa pública a Casa Cornide e que, finalmente, tamén acabou en mans da Familia Franco.
O Concello da Coruña debe amosar o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da Familia Franco, por iso cremos moi acertada a iniciativa da Deputación da Coruña de creación da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. Mais tamén debe realizar todas cantas actuacións sexan necesarias para investigar a implicación que tivo para co espolio e todas elas encamiñadas na restitución das vítimas forzosas e da memoria: por iso non é casual que presentemos esta moción diante da Casa Cornide xa que durante a ditadura houbo moitos «Pazos de Meirás».
A Coruña, 6 de setembro 2017.