UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

Novo Mesoiro vai necesitar un centro de ensino secundario

Exterior do edificio números 15-17-19-21 da rua Ribeira Sacra en Novo Mesoiro onde están os locais municipais
Que xa nos orzamentos da Xunta de 2023 aparezan as partidas precisas para financiar a proposta de estudo e dotación dun centro de ensino secundario na contorna do barrio de Novo Mesoiro. Ese é o miolo da batería de iniciativas (proposición de lei, preguntas oral e escrita, interpelación) que a deputada do BNG Mercedes Queixas vén de rexistrar no Parlamento galego.
Novo Mesoiro vai necesitar un centro de ensino secundario

Novo Mesoiro vai necesitar nos próximos anos un centro de ensino secundario pola propia evolución demográfica deste barrio novo da nosa cidade, tal e como explica no texto das súas iniciativas Mercedes Queixas.

“Os datos do último e máis recente padrón continuo publicado a finais de xaneiro deste ano a respecto da estatística a 1 de xaneiro advirten que a poboación de entre 15 e 19 anos no barrio era de 224 persoas. E para a franxa de idade de entre 10 e 14 anos de 731 nenas e nenos”, pormenoriza Queixas. Conclusión: a 1 de xaneiro de 2021, había censadas en Novo Mesoiro 955 persoas entre 10 e 19 anos.

Mais é que, alén diso, na franxa etaria entre os 5 e os 9 anos, no barrio moran 829 crianzas. “É evidente que esta zona concreta da cidade da Coruña, en continuo medre demográfico como área urbana nova, precisará nos vindeiros anos a dotación correspondente en materia de ensino secundario”, argúe Queixas.

A alternativa de esta poboación de idade nova se matricular en institutos próximos a Novo Mesoiro non é desde logo a máis acaída tendo en conta o “relativo illamento” que sofre o barrio e o “deficiente e moi mellorábel servizo público de transporte e mobilidade” de que dispón.

“Evidentemente a opción de que se poida ir andando a estes centros de ensino (a tres quilómetros o máis próximo) é inviábel porque tramos da propia estrada DP-0512 carecen de beirarrúa e fican illados”, alega a parlamentar nacionalista.

 

 

Novo Mesoiro vai necesitar un centro de ensino secundario