PREGUNTAS ORAIS
As nosas preguntas orais de outubro: mobilidade, Rexistro Municipal e tributación
Preguntaremos no Pleno sobre a mobilidade e a valoración que realiza o Goberno municipal sobre as actividades desenvolvidas na Semana Europea
Tamén pediremos explicacións sobre a situación do Rexistro municipal e o colapso que sufre nas últimas semanas despois de se trasladar servizos desde o Forum
Por último queremos que o Goberno da Marea aclare que medidas ten pensado aplicar para acadar unha política tributaria progresiva e socialmente máis xusta
A primeira das preguntas para a súa resposta durante a parte de control ao Executivo que formularemos ten que a ver coa recente celebración da Semana Europea da Mobilidade.
Xa criticamos duramente no seu momento os actos programados polo Goberno da Marea durante esa semana, denunciando a nula implementación na cidade de políticas nesta área durante estes dous anos de mandato e lembrándolles que, ente outras cuestións, nin se reordenou o mapa de rutas do autobús, nin se puxo en marcha o carril bus, nin se instalaron paradas intercambiador entre urbano/interurbano. Do mesmo xeito, tamén advertiamos que tampouco se fiscalizou neste período a concesión da Compañía de Tranvías, cuestión que se recollía no programa electoral co que se presentou á eleccións municipais a Marea Atlántica.
Mais ao contrario: declarouse a fin da concesión para a continuación concederlle unha prórroga e agora sabemos que o Goberno local ten pensado volver a concederlle a unha empresa privada a xestión do transporte colectivo de viaxeiras/os. 0 metros de carril bus, 0 metros de carril bici, 0 liñas de autobús renovadas, 0 prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á Compañía de Tranvías prorrogada: ese é o balance en materia de mobilidade logo de 2 anos de Goberno municipal da Marea Atlántica.
En segundo termo, levaremos a debate o colapso que se ven producindo nas últimas semanas no Rexistro municipal nas dependencias de María Pita.
Denunciamos xa hai tres semanas que nos espazos de María Pita, onde está o Rexistro municipal, expídese e aténdense incidencias da tarxeta Millenium, o Padrón de habitantes, agora sen alternativas descentralizadas, as tramitacións de vodas e outros varios procedementos administrativos o que dá lugar a que moita veciñanza acuda a estes espazos que se amosan moi reducidos.
A situación, que xa fora denunciada pola CIG a principios do mes de setembro, agudizouse desde o peche dos servizos do Padrón que se viñan realizando no Forum Metropolitano, e que foi trasladado sen explicación ningunha nas pasadas semanas. Tanto as persoas traballadoras, que teñen que realizar o seu traballo en situación de amoreamento, así como as persoas usuarias do servizo, que agardan pacientemente mesmo durante horas a ser atendidas, non teñen a culpa da nefasta xestión que o Goberno municipal está facendo dos servizos municipais, polo queremos que o Executivo aclare que medidas ten pensado tomar ao respecto.
En último lugar, preguntaremos que propostas ten pensado formular o Goberno da Marea Atlántica para implementar unha política tributaria progresiva e socialmente xusta.
Vai xa a metade do mandato e aínda non temos coñecemento de que o Goberno da Marea fixera unha proposta global para a modificación das ordenanzas fiscais para unha política tributaria progresiva e socialmente xusta en apoio ás familias e persoas máis necesitadas. Xa é tempo de que se aclare se esas medidas van ser propostas e para cando serán introducidas. Queremos abrir no Pleno o debate e que se fale destas medidas, se as ten pensadas, que se concreten e comezar a traballar na modificación das ordenanzas fiscais. Ou que se aclare se tamén foi unha das tantas promesas da Marea que non se vai cumprir.
A Coruña, 25 de setembro de 2017.