Nárdiz, director do estudo da UDC sobre a Fachada Marítima, comparece este venres na comisión que preside Jorquera
O director do equipo da UDC que elaborou o documento Definición dunhas liñas estratéxicas para a ordenación do espazo portuario interior, Carlos Nárdiz, vai comparecer este venres na Comisión Especial da Fachada Marítima (10 horas, salón vermello do Pazo de María Pita) que preside o portavoz do BNG Francisco Jorquera.
Esta, após a do presidente da Autoridade Portuaria, é a segunda das comparecencias previstas neste órgano. A súa presenza, como a de Martín Fernández Prado, foi proposta polo BNG.
“Obviamente, no necesario debate social sobre a conformación da nova fachada marítima a UDC, como institución académica e científica, está chamada a xogar un papel moi relevante, como xa veu facendo o equipo que dirixiu Carlos Nárdiz”, afirma Jorquera.
Nas próximas semanas as comparecencias iranse completando coas de Ruth Varela, da delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza; Enrique Urcola, decano do colexio de enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; Manuel Monge, da Comisión Aberta en Defensa do Común; Paulo Sexto, da Asociación Veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros; Cosme Damián Romai Cousido, do grupo naturalista Hábitat; Fernando Vidal, presidente da Asociación de Usuarios do Porto; Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa; Severino Ares Lago, da Asociación Pesca Galicia-Arpega-O Barco (asociación de armadores de buques pesqueiros de Galiza); Pilar Parra, directora corporativa de Portos do Estado, ben como tamén representantes da Confraría de Pescadores da Coruña, Acerga (Asociación de Armadores do Cerco de Galiza), Arpesco (asociación provincial de armadores de buques de pesca da Coruña).