UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Unha moción de loita contra a LGTBfobia ante os últimos incidentes de odio rexistrados na cidade

Foto de Xurxo Lobato. María Pita chea contra a homofobia. Xustiza para Samuel.
Foto de Xurxo Lobato durante a concentración en María Pita en repulsa polo asasinato de Samuel
De acordo co informe de 2020 elaborado por ALAS A Coruña a partir de dados fornecidos polo Observatorio Coruñés contra a LGTBFobia, na nosa cidade rexistráronse ese ano un total de 48 incidentes de odio: 47,9% deles son casos de acoso, 20,8% verbais, 16,7% físicos e verbais, 6,3% contra o patrimonio, 6,3% por denegación de servizos por parte das administracións públicas e 2,15% por parte de pseudoterapias destinadas a modificar a orientación afectivo-sexual.
Unha moción de loita contra a LGTBfobia ante os últimos incidentes de odio rexistrados na cidade

A situación é, por tanto, máis que preocupante, o que leva a concelleira do BNG Avia Veira a rexistrar unha moción, para a súa defensa no Pleno do 9 de setembro, con basicamente tres propósitos: reforzar os programas de concienciación na liberdade afectivo-sexual e a realidade LGTBQi+ nos centros de ensino, darlle contido e visibilidade pública ao Espazo Diverso a través dos medios de que dispón o Concello mais tamén permitíndolle ter redes sociais propias e iniciar un programa de formación e sensibilización destinado ao conxunto do funcionariado municipal, con máis incidencia naquel que ten contacto directo coa poboación (atención ao público, policía local, etc).

Se os dados de 2020 son graves, o que levamos de 2021 non deixa de aumentar a nosa inquietude. “É máis que preocupante o ascenso de actos vandálicos contra elementos simbólicos LGTBQi+ ou persoas que aman ou se senten fóra do espectro heteronormativo”, di Avia Veira, quen pon o foco nas idades, temperás, “das persoas que están a cometer estes incidentes ou mesmo delitos de odio”.

A agresión por parte dun home de 30 anos a un matrimonio homosexual no barrio de Monte Alto, por volta da data de celebración do Día do Orgullo, as pintadas homófobas, na nosa comarca, nun instituto de Oleiros, o intento de queima dunha bandeira LGTBQi+ no Sex Point do Comité Antisida da Coruña e, como triste e tráxico corolario, o asasinato de Samuel Luiz, marcado polos insultos cheos de odio que lle dirixiron os agresores simplesmente por ser unha persoa que se expresaba no terreo afectivo-sexual fóra do canon heteronormativo.

Todos estes incidentes de odio debuxan un contexto que obriga, a xuízo de BNG, gobernos e institucións públicas a “fuxir do silencio” e a ser “constantes na garantía dos dereitos das persoas LGTBQi+, na sensibilización social, na súa atención”. “Debemos analizar o que está a fallar e poñerlle solución, así como impulsar medidas concretas que poidan, sobre todo, axudar a que as persoas LGTBQi+ poidan vivir en liberdade, sen medo”, recalca Veira.

E o Concello dispón dunha ferramenta para incidir nesas políticas, o Espazo Diverso, un organismo que cumpre reforzar nas súas tarefas de concienciación na liberdade afectivo-sexual e de atención ao colectivo LGTBQi+. “É unha ferramenta que aínda pode dar máis de si e para o que é fundamental a axuda e visibilidade que lle debe proporcionar o conxunto do Goberno Local”, conclúe a concelleira nacionalista.

 

Unha moción de loita contra a LGTBfobia ante os últimos incidentes de odio rexistrados na cidade