EMOTIVA REIVINDICACIÓN DO SEU LEGADO E, NO SEU CENTENARIO, DAS ESCOLAS DO INSIÑO GLAEGO
A memoria cargada de futuro de Pedro Galán Calvete
No acto -que tivo lugar diante da súa tumba, no Cemiterio de Santo Amaro- e que foi presentado por André Laxe, do grupo de barrio do BNG de Monte Alto, tomou a palabra brevemente Olga Galán, sobriña de Pedro. Emocionada, agradeceulle ao BNG o seu esforzo por manter viva a memoria de quen deu a vida pola defensa dunha Galiza libre, democrática, xusta e soberana.
Interveu tamén a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, para ler un artigo publicado por Ánxel Casal -promotor da editora Nós, alcalde de Compostela, asasinado como Pedro Galán en 1936- sobre a creación das Escolas do Insiño Galego. Unha peza que viu a luz no xornal A Nosa Terra en setembro de 1923.
A intervención central do acto correu a cargo de Anxo Louzao, portavoz nacional da plataforma nacionalista Vía Galega e secretario xeral da CIG Ensino entre os anos 2021 e 2017.
“Sabemos que o medio máis eficaz para a destrución da conciencia nacional dun pobo é aniquilar a súa memoria histórica. Negar o seu pasado e inocular na conciencia colectiva a crenza da imposibilidade de valerse por si mesmo sen estar subordinado a quen o oprime”, proclamou Louzao. “Por iso ofrecemos este tributo a Pedro Galán para reivindicar a memoria histórica de quen deron a vida por unha Galiza dona de seu, mais tamén co compromiso de continuar a súa loita até termos unha Galiza liberada para que así se cumpran as arelas de Pedro, as arelas polas que loitou e deu a súa vida”, remarcou.
No seu discurso, Louzao contrapuxo o ideario democrático, republicano, galeguista e galeguizador que animou as Irmandades da Fala a crear as Escolas do Insiño Galego -espazo no que o profesor Ánxel Casal coincidiu co alumno Pedro Galán- coa realidade do ensino galego actual, caracterizado pola súa tendencia privatizadora e desgaleguizadora.