AVIA VEIRA INSTA O GOBERNO LOCAL A QUE ACTÚE PARA AS BIBLIOTECARIAS COBRAREN OS SEUS SALARIOS

Máis unha vez, e as que fagan falta, coas traballadoras das bibliotecas municipais

Avia Veira comité de empresa bibliotecarias
Un momento da reunión
A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse esta mañá no Pazo de María Pita cunha representación do comité de empresa das bibliotecas municipais xestionadas por unha empresa privada.
Máis unha vez, e as que fagan falta, coas traballadoras das bibliotecas municipais

“Volvemos reclamar que as traballadoras cobren as súas nóminas, están sen cobrar a de outubro e o Goberno Local continúa sen dar sinais de vida”, denuncia a concelleira nacionalista. Veira demanda que se constitúa de vez a Comisión de Estudo para a reunificación da rede de bibliotecas municipais, baixo a fórmula da xestión directa por parte do Concello. A formación deste órgano foi acordada por unanimidade polo Pleno ao aprobar unha moción na sesión do pasado 13 de outubro.

O BNG comparte absolutamente as reivindicacións das traballadoras. Non só as salariais, senón tamén aquelas que teñen a ver co cumprimento por parte do Goberno Local do seu compromiso, expresado no mes de xullo, de redactar uns pregos de urxencia para asinar un novo contrato deste servizo.

“É incomprensíbel que non se saquen eses pregos de urxencia. A que esperan? Sería un contrato para resolver a situación mentres se estuda a posíbel xestión directa do servizo por parte do Concello”, afirma Veira, quen lembra que o grupo municipal socialista se comprometeu a unificar a rede xa no primeiro ano do seu mandato, compromiso selado no Acordo de Investidura asinado co BNG en xuño de 2019.

A representante do BNG na Comisión de Estudo da unificación da rede de bibliotecas será Avia Veira, tal e como o notificou a formación nacionalista o 24 de outubro. Nese órgano participarán os grupos municipais, mais tamén representantes das bibliotecarias.

 

Máis unha vez, e as que fagan falta, coas traballadoras das bibliotecas municipais