MEDIO AMBIENTE
Levamos ao Parlamento a paralización do proxecto da Planta de residuos de Santa Icía
Presentamos no Parlamento galego unha batería de iniciativas co obxecto de paralizar a construción da planta de residuos industriais de Santa Icía
Dimos traslado dunha Interpelación, de sendas proposicións non de lei e de preguntas á Consellaría de Medio Ambiente para a súa resposta oral e por escrito
Entendemos que a contestación veciñal e social é un clamor, téndose xa posicionado de xeito unánime a veciñanza e todas as entidades e asociacións da contorna en contra da construción da Planta polo que insistimos en considerar que a construción da infraestrutura está totalmente inxustificada e advertimos que non quedaremos impasíbeis ante a posibilidade de que a Xunta de Galiza pretenda seguir adiante co proxecto
Presentamos onte unha batería de iniciativas (podes velas e descargalas premendo aquí) no Parlamento de Galiza co obxecto de paralizar a construción da planta de residuos industriais de Santa Icía.
Deste xeito, dámos continuidade ás distintas actuacións que estamos desenvolvendo ao longo das últimas semanas co obxecto de que a Xunta de Galiza dea marcha atrás á súa intención de construír no concello de Arteixo, a menos dun quilómetro dos núcleos de poboación de Santa Icía, Novo Mesoiro, Feáns e Urbanización Breogán, unha centro de valoración e tratamento de residuos industriais que acollería, entre outros, metais como o aluminio ou o chumbo.
Así, e se a semana pasada presentabamos alegacións ao proceso de participación para a avaliación ambiental de proxectos aberto pola Consellaría de Medio Ambiente, desta volta, rexistramos unha Interpelación, sendas proposicións non de lei, así como preguntas á Consellaría de Medio Ambiente para a súa resposta oral e por escrito, iniciativas tanto para ser tratadas na Comisión da propia Consellaría como para o seu debate no Pleno do Parlamento galego, co obxecto de que se dea conta do por que se ten pensado construír esta infraestrutura tan preto destas zonas urbanas, e sen ter en conta a afectación que conlevaría.
Nestas iniciativas, ademais de trasladar a proposta ao Parlamento galego de que este se inste á Xunta de Galiza a rexeitar a construción da planta, demandamos tamén do Goberno do PP que se dean explicacións dos motivos que xustifican a proposta da construción deste centro de valorización de residuos, xa que logo entendemos que na actualidade a proximidade da planta existente hoxe en día no concello das Somozas, de similares características coa que se formula para a de Arteixo, podería acoller os refugallos que se queren tratar nesa nova instalación, polo que nos preguntamos se a Xunta de Galiza non cre suficientes, ou coa capacidade para atender á demanda existente, ás actuais plantas de residuos industriais que existen en Galiza.
Por último, tamén dámos traslado nas nosas iniciativas da oposición veciñal xa amosada publicamente, tanto por entidades e asociacións así como particulares, e se, con todo, a Xunta de Galiza pretende seguir adiante coa execución do proxecto.
Entendemos que a contestación veciñal e social é un clamor, téndose xa posicionado de xeito unánime a veciñanza e todas as entidades e asociacións da contorna en contra da construción da Planta, polo que insistimos en considerar que a construción da infraestrutura está totalmente inxustificada, e advertimos, como xa fixemos con anterioridade, que non quedaremos impasíbeis ante a posibilidade de que a o Goberno da Xunta de Galiza pretenda seguir adiante co proxecto.
A Coruña, 31 de agosto de 2017.
Noticias relacionadas: