ISOWAT

Levamos ao Parlamento de Galiza a defensa de Isowat

Momento da reunión coa representación das traballadoras e dos traballadores de Isowat con Francisco Jorquera e Avia Veira
Momento da reunión coa representación das traballadoras e dos traballadores de Isowat con Francisco Jorquera e Avia Veira

Francisco Jorquera e Avia Veira mantiveron unha reunión con cadro de persoal da empresa.

Levamos ao Parlamento de Galiza a defensa de Isowat

A través do noso Grupo Municipal na Coruña, vimos de presentar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas (que podes descargar premendo aquí) na defensa dos postos de traballo da empresa Isowat, en concurso de acredores desde mediados de ano.

Deste xeito, recollemos a situación que están a pasar case un centenar familias afectadas pola situación, despois de que a semana pasada Francisco Jorquera e Avia Veira, o noso tándem co que nos presentamos ás elección municipais do ano que vén, mantiveran unha reunión coa representacións de traballadoras e de traballadores.

Así, propoñemos a través dunha interpelación e sendas proposición non de lei que a Xunta de Galiza a leve a cabo todas as actuacións posíbeis para o mantemento do emprego e do proceso produtivo de Isowat na Coruña, así como do mantemento e impulso da actividade industrial na comarca, a comezar por unha Mesa de Traballo na que se integre ás partes e axentes implicados.

Nestas iniciativas, que tamén inclúen preguntas para a súa resposta escrita e oral, tanto en Pleno como en Comisión, lembramos que a antiga Isolux Galicia, hoxe Isowat, situada no Polígono da Grela desde 1963, é unha planta altamente rendíbel, que recibiu diñeiro público en axudas, con carga de traballo para os vindeiros anos, pioneira tanto pola formación e experiencia do seu cadro de persoal como pola súas patentes grazas ás cales os seus produtos son solicitados internacionalmente; “por tanto, trátase dunha empresa produtiva e viábel, e as razóns últimas da situación actual residen en que produciu un saqueo sistemático, tal e como sinala o informe concursal desde que a actual propietaria adquiriu Isolux Galicia”, denunciamos na propia iniciativa.

O futuro industrial na cidade da Coruña e a súa comarca atópase nunha situación crítica polo que propomos que desde as Administracións públicas, nomeadamente desde a Xunta de Galiza, se impulse unha estratexia de defensa conxunta e de intervención política para reconducir a situación e promover o mantemento dos postos de traballo e da estrutura produtiva.

Por último, a nosa portavoz municipal Avia Veira, e en continuidade a estas iniciativas en defensa dos postos de traballo de Isowat, lembra que para o vindeiro Pleno ordinario de decembro, rexistrará unha moción da que espera acadar o máximo de apoios.

A Coruña, 21 de novembro de 2018.

Levamos ao Parlamento de Galiza a defensa de Isowat