Jorquera visita O Birloque e O Martinete e partilla as demandas veciñais de humanización destes barrios

20201008_115813
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, visitou esta mañá o barrio do Birloque da man do presidente da Asociación Veciñal do Birloque e O Martinete, Ramón Mañana, quen trasladou á formación nacionalista as necesidades e demandas destas áreas da cidade.
Jorquera visita O Birloque e O Martinete e partilla as demandas veciñais de humanización destes barrios

“As demandas son moi razoábeis e o BNG vainas traducir en iniciativas no Concello”, anuncioulle Jorquera ao presidente do colectivo veciñal.

Entre outras, o BNG fará fincapé en que se aplique a zona 30 a todo o barrio –“non ten sentido que a estes efectos se considere a Avenida de Glasgow como unha excepción ao límite dos 30 quilómetros de velocidade máxima que rexe na práctica totalidade da cidade”-, ao tempo que demandará tamén a humanización da estrada DP0512, unha vía da que é titular a Deputación e que enlaza A Coruña con Santa Icía (Arteixo).

O Birloque

“A DP0512 ten unhas beirarrúas moi estreitas, nalgún tramo presenta pendentes que habería que rebaixar para permitir a pasaxe de cadeira de rodas e carros de bebés e nela hai treitos longos sen pasaxes peonís para cruzar a estrada”, relata Jorquera, quen pide tamén que se desvíe o transporte pesado.

“En realidade, habería que reclamar á Deputación a cesión ao Concello da titularidade desa estrada no seu tramo coruñés”, engade.

O Birloque 2

Nas zonas rurais do barrio, O Birloque tamén presenta problemas non pequenos de falta de limpeza, con soares abandonados en que imperan a maleza e os plumachos. “O Goberno Local ten que tomar conciencia de que A Coruña non é só o centro urbano. A Coruña son os seus barrios e barrios como este ou como o Mesoiro Vello que visitamos recentemente teñen moitos espazos rurais que precisan urxentemente de obras de humanización”, conclúe o portavoz nacionalista.

 

Jorquera visita O Birloque e O Martinete e partilla as demandas veciñais de humanización destes barrios