O CONCELLEIRO DE URBANISMO ELUDE VALORAR O PROXECTO DE METROVACESA PARA AS PERCEBEIRAS

Jorquera pregunta polas 7 crises de goberno, Lage contesta cos datos de licitación do Concello

FJ
A permanente inestabilidade do Goberno Local no que vai de mandato –con cesamentos como o da concelleira de Emprego, a renuncia do concelleiro de Urbanismo, a retirada de competencias do de Cultura e a renuncia do seu director de área, a marcha do coordenador xeral do Concello e a recente sentenza que anula o nomeamento da concelleira de Deportes- foi o argumento dunha das tres preguntas orais do BNG ao Executivo coruñés no Pleno deste 5M.
Jorquera pregunta polas 7 crises de goberno, Lage contesta cos datos de licitación do Concello

“Que valoración fai a alcaldesa da situación do seu Goberno Municipal?”, inquiriu Jorquera. Non respondeu a alcaldesa, senón o voceiro do Executivo local, José Manuel Lage. “Goza de moi boa saúde”, respondeu.

A visión do BNG é moi outra. Para Jorquera, a alcaldesa prometeu ao inicio de mandato diálogo e estabilidade. E non se materializou nin unha cousa nin a outra. A ausencia de diálogo viuse na tramitación sectaria e excluínte dos orzamentos 2022 –incumprindo o Acordo de Investidura de Inés Rey asinado por BNG e PSdeG e xuño de 2019. A inestabilidade é evidente: até 7 crises de goberno ten sufrido o gabinete presidido por Rey, a última, aínda pendente de resolución, despois de unha xuíza ter anulado o nomeamento como concelleira de Emprego de Mónica Martínez.

A resposta de Lage sobre a inestabilidade do Goberno Local –“se fose un problema interno que só afectase o seu partido non o traeríamos aquí, pero o problema é que está a condicionar o funcionamento normal do Concello, abocado á ineficacia e á parálise”, arguíu Jorquera- foi absolutamente evasiva. Limitouse a contra-argumentar con datos sobre licitacións do Concello. “A semana pasada vimos de licitar actuacións por máis de 6 millóns de euros e de adxudicar servizos por máis de 15. Mañá licítanse todas as escolas infantís municipais”, dixo.

Eludiu, por tanto, referirse aos sucesivos episodios de crise da estrutura do goberno e á directa responsabilidade da alcaldesa, pois, tal e como remarcou Jorquera, ela é quen cesa e separa dos seus cargos as e os concelleiros delegados. “Foi a alcaldesa”, argumentou Jorquera, “quen decidiu dar entrada no seu goberno a unha persoa que acababa de abandonar a forza política pola que se presentara ás eleccións”.

As Percebeiras

Os planos de Metrovacesa para As Percebeiras, coa hipótese de levantar un bloco de vivendas de até 20 plantas, centraron outra das cuestións formuladas polo BNG, desta volta por Avia Veira, no Pleno.

Nunha enquisa enviada ao tecido social da cidade, Metrovacesa referíase á construción de até 9 blocos de vivenda, un dos cales, escalonado, iría de 4 a 20 plantas.

O problema, arguíu Veira, é que este proxecto de Metrovacesa é contraditorio co Plan Especial aprobado pola Xunta de Goberno Local, actualmente sometido pola Xunta de Galiza ao trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica. “Ese Plan non recollía ningún bloco de 20 plantas, si outras mamometradas, mais non de 20 alturas”, remarcou Veira.

Avia2

A concelleira interpelou o concelleiro delegado de Urbanismo se ao Goberno Local lle consta este plan de Metrovacesa. Díaz Gallego indicou que o Plan Especial ten aínda “moitas fases por tramitar e aprobar, quer por parte da Xunta de Goberno Local quer por parte do Pleno”.

En todo caso, o concelleiro de Urbanismo non negou que exista ese plano por parte de Metrovacesa nin tampouco o valorou, nin positiva nin negativamente. “A Xunta de Compensacións do ámbito [das Percebeiras] presentou un documento que aínda está a ser analizado polos servizos técnicos do Concello, pendente de recabar informes sectoriais sen que o Goberno Local poida emitir unha valoración no día de hoxe sobre o mesmo”, indicou.

Complexo Deportivo do Castrillón

E hoxe foi a cuarta vez que o BNG levou o asunto do Complexo Deportivo do Castrillón ao Pleno. Leva construído o edificio desde hai 5 anos, mais apenas alberga no seu baixo un supermercado.

A última vez que o BNG levou a Pleno a cuestión o portavoz do Goberno Local, en setembro de 2021, anunciou que o Complexo estaría aberto ao público no primeiro semestre deste ano. Esta tarde Lage admitiu que se produciu “un certo retraso” e que non pasa nada por recoñecelo. “Se conseguimos que estea no segundo semestre do ano, pois coido que a veciñanza estará contenta”, dixo.

 

 

 

Jorquera pregunta polas 7 crises de goberno, Lage contesta cos datos de licitación do Concello