SOBRE A CAMPAÑA: "AS NOSAS SENSACIÓNS SON MOI BOAS"
Jorquera, no encontro con delegadas/os da CIG: "Para as e os traballadores non é indiferente quen goberne no Concello"
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, mantivo esta mañá un encontro cun cento de delegadas e delegados da CIG no salón de actos do Edificio Sindical. Jorquera estivo acompañado polo deputado do BNG no Congreso Néstor Rego e polos tamén integrantes da candidatura do Bloque Celia Armas, Carlos Varela e Iago Pazos, números 11, 10 e 17, respectivamente.
“Non é indiferente á hora de defender os dereitos das traballadoras e traballadores quen goberne o Concello da Coruña a partir do próximo 28 de maio”, dixo Jorquera nun breve encontro cos medios antes do comezo do acto.
Para o candidato do BNG á Alcaldía, e aínda que o Concello ten competencias limitadas en materia de emprego, o Goberno Local si pode xogar un papel positivo á hora de dinamizar a economía e de fomentar a creación de emprego de calidade.
“Un dos eixos nos que se pode actuar é a política de contratación do Concello. Un dos criterios a valorar á hora de adxudicar contratos ten de ser a creación de emprego de calidade na nosa cidade”, afirma. Igualmente, o Goberno Local debe cumprir os seus deberes como axente dinamizador da economía. “E iso pasa por dotar o Concello dun orzamento por ano –e o Executivo do PSOE só foi quen de aprobar dous orzamentos en 4 anos- e iso pasa tamén por executar o capítulo de investimentos –e co PSOE á fronte do Concello só se deron executado un de cada tres euros”, engadiu Jorquera.
Alén de xestionar mellor as contas, o Concello ten que asumir un papel de liderado da economía local deseñando un proxecto de desenvolvemento estratéxico para a cidade e para a comarca. “Por iso propomos a constitución dun Consello Económico Social, un foro para a concertación de estratexias por parte do Concello e dos axentes sociais, onde obviamente os sindicatos teñen moito a dicir”.
E esa estratexia de futuro necesariamente ten que pivotar arredor da “revitalización, diversificación e modernización” do tecido industrial da cidade, moi debilitado nos últimos anos. “Necesitamos máis músculo industrial. Non hai economía moderna que se sustente só sobre os servizos, estes precisan sempre dun sector secundario potente e ben dimensionado”, acrecentou.
Por súa parte, o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego reivindicou para o Bloque a condición de forza política que, a diferenza doutras, si coloca no centro da súa axenda a necesaria reindustrialización da cidade. “Acompañamos a loita das e dos traballadores de Alu Ibérica, tamén antes a de Isowat ou a do persoal de atención telefónica”, salientou.
Tamén foi o BNG en solitario quen defendeu os dereitos das e dos traballadores e das e dos pensionistas. “Nós si reclamamos a derrogación íntegra das reformas laborais –a do PP, a do PSOE tamén- e nós si denunciamos que a reforma das pensións aplica recortes”, remarcou.
“As e os traballadores da Coruña saben que teñen no BNG un aliado. Por iso é importante que o teñan tamén no Goberno Local, con Francisco Jorquera como alcalde”, concluíu.
Balance de campaña
Interpelado polos medios, Jorquera fixo tamén un pequeno balance da campaña, xa no sprint final.
“As nosas sensacións son moi boas. As nosas propostas están a ter unha grande receptividade por parte das coruñesas e os coruñeses. Neste mandato, e a diferenza doutras forzas, o BNG non foi noticia por liortas ou por divisións internas, senón polo seu traballo e propostas”
“Cada vez máis coruñesas e coruñeses ven no BNG a única vía para garantir o cambio de rumbo que a cidade precisa. Cada vez máis coruñesas e coruñeses ven con clareza que o futuro non pode pasar nin polo retorno ao pasado que representa o PP nin por catro anos máis do mesmo dun goberno do PSOE que non foi quen de lle dar á Coruña o impulso que necesita”, concluíu.