QUEIXAS: "A COMARCA DA CORUÑA NON EXISTE PARA O GOBERNO GALEGO"

Jorquera cualifica de "ficticios" os orzamentos da Xunta para A Coruña: "Venden fume e non dan resposta ás necesidades reais"

Conferencia de prensa Jorquera Queixas orzamentos Xunta para A Coruña
Un momento da conferencia de prensa
O proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 son “ficticios”, encobren “a súa falta de compromiso coa Coruña” e o Goberno galego utilízaos “para vender fume en vez de para atender as necesidades reais da cidade”.
Jorquera cualifica de "ficticios" os orzamentos da Xunta para A Coruña: "Venden fume e non dan resposta ás necesidades reais"

Nestes termos pronunciouse o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen compareceu en conferencia de prensa coa concelleira, e deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas, para avaliaren o proxecto orzamentario en relación á cidade e á comarca.

“A Xunta de Galiza gábase dun maior esforzo que en pasados exercicios, porén, o certo é que se reiteran partidas que xa estaban consignadas en anualidades anteriores, mais que non se chegaron a executar. Falamos aquí da Fachada Marítima, o Centro de Saúde de Santa Lucía, o Rexurbe Coruña ou o Albergue de Peregrinos”: así resumiu Jorquera o procedemento utilizado polo Goberno Galego para presentar como expansivo un orzamento “nada críbel” dados os precedentes.

O exemplo paradigmático témolo na que constitúe de lonxe a parte do león destes orzamentos, a partida destinada ao denominado como novo CHUAC. Nas contas aparecen 41 millóns de euros, 5,5 menos do que figuraba na previsión de 2023 e 44,6 menos do que se anunciara en 2022.

“Temos dito que o novo CHUAC no canto dun hospital espello parecía un hospital cortina de fume para encubrir os recortes na sanidade pública e o abandono á atención primaria”, lembrou Jorquera.

Pois ben, á luz da progresiva redución das partidas estaríamos tamén ante un Hospital Minguante, “se temos en conta os reiterados incumprimentos nos investimentos previstos”.

20231027_111020
Queixas mostra un folio no que aparecen as raquíticas partidas para a comarca

Son uns orzamentos propagandísticos e tal vez o mellor exemplo do uso das contas como ferramenta publicitaria achámolo, considerou Jorquera, no Ecobarrio de Elviña, un proxecto para o que o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou en agosto de 2019 un investimento de 33 millóns de euros. “Pasados catro anos daquel rimbombante anuncio, como di a frase popular, se te vin non me lembro...”.

E mentres continúa a vender fume -como tamén fixera coa pasarela de Santa Cristina- o Goberno galego desatende as súas competencias en materia de vivenda cuns orzamentos absolutamente insuficientes, en coherencia coa súa oposición á declaración da Coruña como mercado residencial tensionado.

“Quero lembrar que a Xunta é quen ten as principais competencias en materia de vivenda. A súa oferta de moradas públicas na Coruña é ridícula. E, alén diso, nos últimos anos deixou de executar máis de 70% do orzamento para vivenda”, denunciou.

Coas contas para 2024 tampouco dá resposta a Xunta ás necesidades da Coruña en materia sanitaria (faltan profesionais na atención primaria) ou educativa (con centros infradotados).

“Con estes orzamentos 2024 será un ano máis sen unha nova escola infantil, sen unha nova residencia de maiores ou sen un novo centro de día”, critica Jorquera, quen, a xeito de conclusión, afirma: “Son uns orzamentos dun goberno esgotado que non ten nada a ofrecer a Galiza e tampouco ten nada a ofrecer á Coruña”.

O PP, sen proxecto para a comarca

Canto ao tratamento que a comarca recibe nestes orzamentos da Xunta, Mercedes Queixas foi inequívoca: “A comarca da Coruña, composta polos concellos da Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo, Cambre, Carral, Cerceda e Sada ten case 400 mil habitantes e suma moitas potencialidades como motor industrial e económico. E como responde a Xunta ante esta realidade? Pois cunhas contas rutineiras, e sen un só euro para Carral, Cerceda, Culleredo, Cambre e Oleiros e con partidas menores para Arteixo e Sada”.

Queixas denuncia que non hai o máis mínimo impulso en política industrial -a pesar de a Xunta ter competencias exclusivas- nin tampouco en materia de mobilidade -coa Vía Ártabra paralizada e sen gratuidade para a AG-55”.

As contas para 2024 incorren en ausencias clamorosas, entre elas a dunha política de vivenda merecente de tal nome, por non falarmos do ensino público, sen ningunha previsión de construción de novos centros en Arteixo e Cambre a pesar do incremento da poboación neses concellos.

En definitiva, analiza Queixas, estamos ante un goberno galego para a cal a comarca da Coruña sinxelamente non existe.

 

 

 

Jorquera cualifica de "ficticios" os orzamentos da Xunta para A Coruña: "Venden fume e non dan resposta ás necesidades reais"