Jorquera contesta as críticas de Inés Rey e lémbralle que ela incumpriu o Acordo de Investidura sobre os orzamentos

Francisco Jorquera
O portavoz do BNG no Concello Francisco Jorquera contestou hoxe, a través dun correo electrónico dirixido a Inés Rey, as críticas que a alcaldesa formulou onte ao grupo municipal nacionalista en relación á súa decisión de non asistir á reunión convocada polo PSOE e a Marea Atlántica sobre os orzamentos.
Jorquera contesta as críticas de Inés Rey e lémbralle que ela incumpriu o Acordo de Investidura sobre os orzamentos

A alcaldesa dixo literalmente: “Queda clara a vontade negociadora do resto dos grupos nun momento no que se lles cita para falar dos orzamentos e non aparecen”.

“Como é evidente que lle imputas ao BNG esa falla de vontade negociadora”, dille Francisco Jorquera a Inés Rey por medio dun correo electrónico, “adxúntoche, por se o esqueciches, o texto do acordo de investidura entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG que ti mesma asinaches o 19 de xuño de 2019”.

Pois ben, o punto segundo dese acordo di o seguinte: “Comezo da negociación dos orzamentos en setembro, que se acompañarán sempre dun informe de impacto de xénero, e comezo das negociacións das ordenanzas con tempo suficiente”.

“Como ben sabes”, faille notar Jorquera a Rey, “nin o Goberno Municipal nin o Grupo Socialista nos convocou para negociar os orzamentos e as ordenanzas en 2021 e 2022, incumprindo de xeito flagrante este compromiso asinado por ti”.

O voceiro do BNG lémbralle tamén que a formación nacionalista fixo as súas propostas sobre as contas xa no pasado mes de outubro

Jorquera lémbralle tamén que ante ese manifesto incumprimento o BNG optou no mes de outubro por lle trasladar ao Goberno Local e ao resto dos grupos as propostas nacionalistas para se incorporaren ao proxecto de orzamentos ("adxúntochas por se tamén as esqueciches”, dille o voceiro nacionalista á alcaldesa no correo electrónico).

A día de hoxe o BNG non recibiu ningunha resposta sobre esas propostas.

O BNG, salienta Jorquera, só foi convocado a unha reunión despois de os grupos do PSOE e a Marea teren asinado un “acordo para o impulso dos orzamentos de 2022”. Acordo no que se consigna o seguinte: “O Goberno Local (PSdeG-PSOE) e o Grupo Municipal da Marea Atlántica convocarán o resto dos grupos da Corporación para escoitar as súas propostas orzamentarias, que valorarán de mutuo acordo”. Un método que, xulga o voceiro nacionalista no correo electrónico, “contradí abertamente o acordo de investidura, volvo lembralo, asinado por ti”.

“En política, as discrepancias son lexítimas”, conclúe Jorquera no escrito enviado á alcaldesa, “pero o que non é lexítimo é falsear a realidade imputando o BNG unha falta de vontade negociadora que só é imputábel ao Goberno e ao Grupo Municipal que presides”.

 

Jorquera contesta as críticas de Inés Rey e lémbralle que ela incumpriu o Acordo de Investidura sobre os orzamentos