A CREACIÓN DUN CONSORCIO, A CONDONACIÓN DA DÉBEDA E O CARÁCTER PÚBLICO DOS PEIRAOS, AS CLAVES
Jorquera anuncia a convocatoria da Comisión sobre a Fachada Marítima, un "foro acaído" para articular consensos
Jorquera fai este anuncio após o portavoz do Goberno Local e o presidente da Autoridade Portuaria se referiren onte á necesidade de se chegar a un acordo político en relación á fachada marítima da Coruña.
Para o BNG, a Comisión Especial da Fachada Marítima, que preside Jorquera, reúne todas as condicións para forxar acordos sobre o uso futuro dos peiraos do porto interior.
A maiores disto, o portavoz nacionalista salienta que no Acordo de Investidura suscrito entre o BNG e o PSdeG se contempla o impulso “por parte do Concello” da constitución dun Consorcio para a xestión dos terreos portuarios. “Esta é a primeira tarefa a acometer e cómpre que o Goberno Local lidere o proceso”, salienta.
Non se trata só de constituír un Consorcio –e de propor un novo convenio. Fai falta tamén, alega, demandar a condonación da débeda que pesa sobre o porto, “unha demanda que fai parte do decálogo de esixencias ao Goberno central que o BNG publicitou nas pasadas eleccións xerais”.
Para concluír, Jorquera sinala os elementos sobre os que se debe vertebrar o consenso entre as forzas políticas: “É preciso dar pasos xa para constituír o Consorcio, para lograr a condonación da débeda (ou solución equivalente) e para, en todo caso, garantir o mantemento da titularidade pública dos terreos portuarios”.