PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA

Interesámonos polas necesidades do núcleo da Fontaíña

Fonte pública A Fontaíña
Fonte pública A Fontaíña

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local sobre o núcleo da Fontaíña, na parroquia de San Vicenzo de Elviña, claramente necesitado de actuacións que o doten de máis e mellores espazos públicos e equipamentos comunitarios.

Interesámonos polas necesidades do núcleo da Fontaíña

Na exposición de motivos desta iniciativa, Jorquera salienta que estamos a falar dun núcleo que, a pesar do crecemento urbano experimentado nas últimas décadas, mantén aínda a súa tipoloxía tradicional, a pesar de teren practicamente desaparecidos os usos agrarios das súas terras.

Ese crecemento non levou aparellada unha suficiente dotación de equipamentos públicos e iso fai que as veciñas e veciños do núcleo perdesen acceso a espazos que en tempos si podían usar, como a pequena pista deportiva da actual Escola Infantil Municipal Os Cativos. A instalación no seu día do hipermercado Alcampo tampouco se resolveu de xeito satisfactorio para as persoas moradoras da Fontaíña: a integración urbanística da grande superficie criou problemas en relación á mobilidade ou á conservación do espazo público que o rodea.

A carón da fonte pública da Fontaíña
A carón da fonte pública da Fontaíña

 

Nese último sentido, Jorquera inquire o Goberno Local se contempla algunha actuación de mellora da mobilidade na contorna do hipermercado Alcampo, con medidas como o calmado do tráfico ou a ampliación de beirarrúas. "Mantén algún tipo de conversa coa empresa propietaria do complexo nese sentido?", pregunta o voceiro nacionalista.

Jorquera inquire o Goberno Local se contempla algunha actuación de mellora da mobilidade na contorna do hipermercado Alcampo, con medidas como o calmado do tráfico ou a ampliación de beirarrúas

Lindeiro coa parcela da Escola Infantil Municipal Os Cativos hai un terreo que está neste momento á venda, un soar que a veciñanza entende podería tornarse nun espazo público. A este respecto, Jorquera cuestiona o Goberno Local se hai posibilidades de, a través dunha permuta ou un acordo urbanístico semellante, facerse con ese terreo e poñelo a disposición das veciñas e dos veciños.

De resto, a fonte pública da Fontaíña require tamén un traballo de restauración e humanización do espazo que a circunda, demanda Jorquera a través desta iniciativa. Sobre este particular, o portavoz do BNG pregúntalle ao Goberno Local en que situación urbanística se encontra agora mesmo a parcela situada inmediatamente enriba da fonte pública e se está suxeita ou non a algún lixitio xudicial.

 

Interesámonos polas necesidades do núcleo da Fontaíña